A visita do Papa a Galicia, no aire por un problema no xeonllo

O pontífice suspende a viaxe a Líbano de xuño polos seus problemas de saúde, que poderían complicar o de Santiago

El Papa Francisco, en silla de ruedas. EFE
photo_camera El Papa Francisco, en silla de ruedas. EFE

Os problemas de saúde que arrastra o papa Francisco están a complicar a súa axenda internacional, o que implica tamén a posible visita a Santiago con motivo do Xacobeo 2021-2022, unha cita que incluso xa tiña data e á que só lle faltaba o si definitivo do Vaticano. Con todo, a día de hoxe a Igrexa xa alixeirou de datas o calendario do pontífice, unha realidade que complica a súa presenza en Galicia.

Francisco, que cumprirá en decembro 86 anos, arrastra un grave problema de ligamentos no xeonllo dereito o que lle impide desprazarse con soltura. Nas súas últimas aparicións públicas é habitual velo en cadeira de rodas para desprazarse e este mércores recibiu apoio constante para camiñar ou sentar na audiencia xeral na praza de San Pedro.

Unha situación que motivou a suspensión da viaxe que tiña previsto a Líbano o próximo mes de xuño. Con todo, o Vaticano si ratificou dúas viaxes internacionais en xullo. Francisco viaxará á República Democrática de Congo (RDC) do 2 ao 5 de xullo e a Sudán do Sur do 5 ao 7 dese mesmo mes. Ademais, está previsto que o Papa visite Canadá do 24 ao 30 de xullo, a última data engadida a unha axenda onde por agora non figura Compostela.

Inicialmente, barallouse o domingo 7 ou o luns 8 de agosto como as datas da visita do sumo pontífice á capital galega para participar o Xacobeo, seguindo a tradición dos seus predecesores, Xoán Paulo II e Bieito XVI, que si peregrinaron en Ano Santo. Con todo, o xeonllo do Papa fai temer xa o peor na comunidade galega.

O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu este fin de semana que o mellor colofón para o Xacobeo sería a visita do papa Francisco a Galicia. "Aínda que non nolo confirmaron, ata que non nos digan que non, eu confío en que veña, sería un broche perfecto para coller impulso e traballar nos próximos anos".

Comentarios