Vítimas de Angrois demandarán o Ministerio pola "negativa a investigar" o accidente

É un paso previo antes de iniciar a vía do contencioso-administrativo 
Ofrenda floral en Angrois. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Ofrenda floral en Angrois.LAVANDEIRA JR. (Efe)

A plataforma de vítimas do accidente do Alvia ocorrido en xullo de 2013 en Angrois demandará ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana por "a negativa a investigar" o sinistro ferroviario, que provocou 80 mortas e máis de 100 feridos.

Coincidindo coa presentación desta demanda, paso previo ao comezo dun contencioso-administrativo, a plataforma realizará unha concentración fronte ao ministerio este venres, de 11.30 a 12.30 horas.

En concreto, o motivo é a entrega e rexistro en Transportes da documentación correspondente ao comezo dos trámites para demandar ao departamento de José Luís Ábalos e á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) "pola súa falta de independencia e incumprimento da normativa comunitaria e nacional en relación coa investigación da traxedia".

Após o procedemento de infracción aberto a España pola Unión Europea e "a negativa a investigar a traxedia, como esixe Europa", a asociación de afectados conta con acudir aos tribunais do contencioso administrativo, aínda que, "por imperativo legal", primeiro presentará varias peticións en vía administrativa.

UN RESPONSABLE SEGUNDO A CIAF, DOUS IMPUTADOS POLO XUÍZ

A única investigación realizada até o momento pola CIAF sinalou ao maquinista como o único responsable, por circular cun exceso de velocidade antes de tomar a curva da Grandeira.

A Axencia Ferroviaria da Unión Europea censurou este informe por falta de independencia e tanto o Parlamento Europeo como a Comisión instaron en reiteradas ocasións ao Estado español a que acometese unha nova investigación que si sexa independente e profunde nas causas do sinistro.

Sen data prevista para o xuízo, o instrutor volveu decidir o peche das pescudas (pendente da resolución da Audiencia Provincial sobre os recursos) con dous imputados, o maquinista e o exresponsable de seguridade de Adif, a empresa pública encargada da infraestrutura ferroviaria, na que afirma que non houbo unha correcta avaliación do risco. 

Comentarios