Un membro do comité clínico: "En Galicia tómanse medidas e en Madrid divírtense"

Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do Hula, destaca as restricións da Xunta baseadas nas "evidencias"
Sergio Vázquez, en el Hula. AEP
photo_camera Sergio Vázquez, no Hula. AEP

O xefe de Oncoloxía do Hula, Sergio Vázquez, que forma parte do comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia, considera que "non é ético, nin moral" que mentres Galicia comezará este mércores "un semiconfinamento cunhas restricións altísimas” outras comunidades autónomas como Madrid, con unha incidencia de máis de 800 casos por cada 100.000 habitantes aos 14 días e unha presión asistencial "elevada" ten "un programa de concertos durante un mes".

Este oncólogo defende que se "homoxeneícen" as medidas que adoptan as diferentes comunidades porque, ao seu xuízo, non se poden producir "tantos contrastes" entre as restricións que aplica Galicia, que supoñerán “perdas económicas para moitos sectores”, e as que adoptan outros executivos autonómicos.

Sergio Vázquez precisaba así unhas mensaxes que difundiu na súa conta de Twitter por mor das imaxes colgadas nesta rede social sobre un concerto multitudinario, que ao seu xuízo está "fóra de lugar", celebrado a pasada fin de semana dentro do festival Inverfest, nos que afirmaba que mentres que o Goberno galego "toma medidas restritivas serias baseadas na evidencia e recomendacións do comité clínico, en Madrid divírtense".

Na comunidade galega haberá desde este mércores peche total da hostalería, excepto para servizo a domicilio; reunións limitadas a convivientes, apertura do comercio non esencial ata as seis da tarde e deporte soamente a nivel individual, con máscara e ao aire libre.

Comentarios