viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

Xosé Antonio Perozo: "Pasei seis ou sete días terribles, pero xa estou na casa"

Xosé Antonio Perozo. AEP
Xosé Antonio Perozo. AEP
O escritor e xornalista cre que contraeu o virus no ferrocarril que o trouxo de volta de Madrid a comezos do pasado mes de marzo

O xornalista, escritor e colaborador de El Progreso Xosé Antonio Perozo explicou no programa Galicia por Diante de Radio Galega que xa ten a alta tras ser ingresado por coronavirus e que, tras pasar "seis ou sete días terribles", atópase ben e xa recuperándose no seu domicilio.

Perozo foi ingresado no hospital Clínico de Santiago tras unha viaxe exprés a Madrid que non puido pospoñer. "O día 9 de marzo fun e vin a Madrid no ferrocarril, e coincidiu co día que suspenderon as clases nas universidades e nos colexios, polo que no tren non cabía nin un alfinete", explica o escritor. "Penso que foi aí onde pillei o bicho, porque ata o venres [día 13] non tiven os primeiros síntomas", recorda. Ese venres, Perozo sentiu "sensación de gripe e, claro, nese momento comezaron as sospeitas".

Tras advertir os primeiros síntomas, o xornalista púxose inmediatamente en contacto co seu médico de cabeceira, Charo Vázquez. "Deume as instruccións necesarias, puxo o mecanismo Sergas en marcha e o sábado pola mañá fixéronme as probas. O luns pola mañá subiume a febre e o martes 17 xa estaba ingresado".

A pesar de que o escritor se atopa na súa última fase de recuperación, coa alta médica e no seu domicilio, recoñece que pasou "seis ou sete días terribles, porque pensaba que o meu corpo non ía resistir os antivirais e todas esas historias. Paseino mal". Con todo, Perozo explica que "grazas á sanidade pública galega" se puido sentir "atendido con radiografías e análises cunha rapidez e eficiencia extraordinarias, que fixo que en ningún momento sentise medo ou intranquilidade".

"Non sabemos como pagarlles a todos, desde a máis divertida limpadora, pasando polas médicas e enfermeiros", di

Perozo relata que os médicos "están a experimentar, non só comigo, senón con moitos máis, porque pelexan contra un inimigo descoñecido". Sobre isto recorda unha doutora que lles pediu realizar un "experimento elemental que consistía en durmir boca abaixo, porque parece que dá bo resultado para a asimilación do osíxeno. O meu compañeiro foi capaz, pero eu fracasei", rememora con humor este estremeño de orixe fincado en Compostela.

Xa recuperado e sen poder abrazar aínda os seus, Xosé Antonio Perozo asegurou, moi emocionado, que "non sabemos como pagarlles a todos, desde a máis divertida limpadora, pasando polas médicas e enfermeiros; todo o que están facendo para salvar vidas durante esta pandemia".

O escritor, que colabora habitualmente neste diario, asegura que está a aproveitar a súa recuperación, e o feito de estar encerrado en casa, para "artellar novas historias", e pide "remar todos xuntos no mesmo barco".

Xosé Antonio Perozo: "Pasei seis ou sete días terribles, pero xa...
comentarios