A Xunta amplía as axudas para talleres de emprego para persoas en paro

O programa conta con 34,2 millóns coa previsión de ofrecer formación e un contrato a case 1.900 desempregados
La conselleira de Emprego e Igualdade de Galicia, María Jesús Lorenzana. EUROPA PRESS
photo_camera A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana. EUROPA PRESS

A edición deste martes do Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle unha orde da Consellería de Emprego coa que se amplía o orzamento dedicado á convocatoria de axudas para talleres duais emprego no período 2021-2022, que se incrementa nun 48% para atender todas as solicitudes presentadas.

Así, o programa conta con 34,2 millóns de euros coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a preto de 1.900 persoas sen emprego e poder implementar 94 talleres.

Deste xeito, as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de nove meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Ademais, unha vez finalice o taller, os alumnos teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa, xa que o Goberno galego concede incentivos á contratación.

Para acceder a estes talleres priorizaranse as persoas que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como son, entre outros, os emigrantes retornados; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos ou as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.

Prímanse os programas que inclúan formación forestal; cualificación en conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago; os talleres de actuacións enmarcadas en proxectos de aldeas modelo para a capacidade agronómica do perímetro do proxecto e á rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística; e os programas promovidos por concellos que teñan todo ou parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas reservas da biosfera. 

Comentarios