A Xunta chama a gozar da hostalería "con sentidiño"

Alfonso Rueda incide neste aspecto "para non dar pasos atrás" na desescalada
Gente en una terraza de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Xente nunha terraza de Pontevedra. RAFA FARIÑA

O vicepresidentre primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo este sábado un chamamento a gozar "da hostalería" aproveitando o bo tempo, pero "con sentidiño" para "non dar pasos atrás" no proceso de desescalada.

Así se pronunciou o tamén responsable da área de Turismo do Goberno galego desde unha cafetería de Rodeiro, onde asistiu á toma de posesión do novo alcalde, Rubén Quintá. O anterior, Luís López, deixou o cargo para tomar posesión como delegado da Xunta en Pontevedra.

Desde o local, que si conta co código QR que deben instalar os establecementos para poder reabrir, Rueda animou aos galegos a facer o "pequeno movemento" de rexistrar este distintivo no seu móbil, o que "facilita" o rastrexo en caso de aparecer un foco de covid-19.

"Sobre todo é un paso máis nesa desescalada que facemos, na que non queremos dar ningún atrás", explicou, á vez que apelou a manter o resto de normas "sinxelas", como a distancia social, a separación das mesas e o uso da máscara cando non se está consumindo.

A Xunta acaba de aprobar unha moratoria doutra semana para a implantación do sistema QR

SISTEMA QR. Preguntado polos medios sobre a reticencia dos clientes a empregar o sistema QR, Rueda garantiu que os datos que recolle son de carácter "absolutamente reservado". "é só para utilizalo desde o punto de vista sanitario, nada máis, con absoluta garantía de que non ten outra utilidade", asegurou o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Iso si, a Xunta acaba de aprobar unha moratoria doutra semana para a implantación deste sistema, que agora entrará en vigor o vindeiro venres 12 de marzo. "é lóxico, é un sistema novo, moita xente empezouno a descargar ao mesmo tempo e iso deu lugar a algún tipo de dificultade técnica", xustificou.

Así, aínda que "máis do 60 por cento" dos locais xa o teñen implementado, segundo as cifras que deu, espera que o "venres estea en todos". Para iso, a Administración autonómica pon a disposición dos responsables dos negocios os seus teléfonos e servizos por se "teñen algunha dificultade".

UN AVANCE AOS POUCOS. Así mesmo, sobre a posibilidade de ampliar o horario de apertura -actualmente, só ata as 18.00 da tarde- Rueda dixo "entender" as queixas, pero chamou á prudencia para que os datos da pandemia melloren "aos poucos", sen dar "pasos atrás".

Co horizonte de poder recuperar a normalidade, o vicepresidente primeiro da Xunta aposta por ampliar o horario "aos poucos e pensando que, se se cumpren as normas, o lóxico e normal é ir avanzando" na desescalada.

Comentarios