A Xunta condonará a devolución da Risga a familias con fillos a cargo que cobraron o IMV

O Ingreso Mínimo Vital e a Renda de Inclusión Social de Galicia son incompatibles
Un adulto camina con un niño. PIXABAY
photo_camera Un adulto camiña cun neno. PIXABAY

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este martes que o Goberno galego condonará "total ou parcialmente a débeda" do oitenta por cento das persoas que recibiron o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) de xeito simultáneo, sendo axudas incompatibles. A Xunta condonará esta débeda a aquelas persoas que teñen fillos a cargo, revelou a conselleira en resposta a unha interpelación exposta polo BNG no pleno deste martes pola mañá despois de que o Executivo autonómico enviase cartas de forma masiva para reclamar o reembolso do diñeiro que foi recibido mentres se esperaba a recepción do IMV.

Ademais, tal e como xa apuntara nun pleno anterior, a Xunta de Galicia ofrecerá un prazo de 30 meses para que os perceptores devolvan o diñeiro correspondente á prestación galega.

A conselleira avanzou esta opción que se aplicará no caso galego pero recordou que son moitas as comunidades que están nesta situación "provocada polas présas e pola improvisación do Goberno central". Neste sentido, a conselleira de Política Social recordou que a Xunta de Galicia advertiu en varias ocasións ao Goberno estatal que o deseño e a aprobación desta nova prestación non eran as adecuadas xa que, ademais, a falta de capacidade da Seguridade Social para xestionala provocaría grandes demoras na súa tramitación.

Por iso, desde Galicia solicitouse que se tomasen as medidas necesarias para evitalo e incluso se reclamou o traspaso de competencias da prestación estatal, como se fixo no País Vasco ou Navarra para que "Galicia non tivese nunca que verse nunha situación semellante" de reclamar débedas ás familias máis vulnerables. Así, a conselleira lamentou que o BNG leve á Cámara "o mesmo tema" que se debateu "fai menos dun mes" xa que "dá a sensación de que o que pretenden é ter rédito político dun asunto que pola súa seriedade préstase a poucas frivolidades".

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil insistiu na importancia esta cuestión. "Coma se temos que facer un pleno monografico", xa que estas débedas pon nunha situación moi complicada a moitas familias e fogares galegos, salientou. "Se debes diñeiro á Adminstración non podes pedir nin unha bolsa", incidiu a deputada nacionalista, que instou á Xunta a deixar sen efecto as devolucións de percepcións reclamadas, tal e como se fixo en Canarias.

A parlamentaria do Bloque urxiu esta medida porque na actualidade está a tratarse a estas persoas "coma se fosen delincuentes a vontade" aínda que "realmente son vítimas dun problema causado pola propia Administración pública", desde a Xunta e desde o Goberno central. Ademais, de face ao futuro, Rodil avogou por reformar a Lei de inclusión "ampliando o rango de beneficiarios e as contías" das axudas autonómicas para persoas que están "nunha situación económica moi precaria". 

Comentarios