A Xunta de Galicia deberá indemnizar con 842.000 euros a unha empresa polo cambio do modelo eólico

A sentenza do TSXG declara a responsabilidade patrimonial do Executivo autonómico polos danos e prexuízos sufridos por Ventauria Enerxía Rural

A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta a abonar 842.000 euros á empresa Ventauria Enerxía Rural por danos e prexuízos polo cambio do modelo eólico posto en marcha coa chegada ao Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo.

A sentenza, recurrible en casación no prazo de trinta días estima en parte a demanda da empresa e declara a responsabilidade patrimonial do Executivo autonómico polos danos e prexuízos sufridos pola empresa tras suspender en agosto de 2009 a tramitación de procedementos de autorización de instalacións (a normativa en vigor aprobada polo bipartito) mentres non se aprobaba unha nova lei que cambiou o modelo de aproveitamento eólico, aprobada en decembro dese mesmo ano.

Ademais desta multa, a sentenza obriga á Xunta a abonar os intereses legais desde a data da reclamación en vía administrativa.

A empresa solicitaba unha indemnización de 15,4 millóns de euros, dos que 10,8 suporían "perda patrimonial sufrida" e o resto gastos atribuíbles á primeira e segunda fase do proxecto, por danos e prexuízos, "ao ver frustrada de forma sobrevinda a posibilidade de desenvolver as instalacións que foran obxecto de expedientes de autorización dos parques eólicos Porteliña, Outeiro do Home, Coto da Lebre e San Sebastián", que sumarían, en total, 160,2 megawatts.

Ventauria xa demandara á Xunta nun preito que perdeu, cuxa sentencia de xuño de 2013 xa é firme, e no que expuña a inconstitucionalidade da norma aprobada polo Goberno de Núñez Feijóo e tamén pedía por lucro cesante 55,3 millóns de euros, cantidade que desestimou pedir neste novo preito.

A sentenza estima a responsabilidade patrimonial da Xunta en canto a algúns gastos da primeira fase e sinala que "soster, como pretende a parte recorrente (empresa), que na súa condición de empresa seleccionada que presentou a documentación requirida dentro do prazo, tiña desde ese momento o dereito adquirido a obter a autorización administrativa para a instalación do proxecto de parque eólico presentado carece de respaldo normativo algún e non responde á realidade".

Comentarios