A Xunta destina preto de 14 millóns a un servizo telefónico de contactos covid

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 29/10/20.
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EP

O Consello da Xunta autorizou este xoves a contratación dun servizo de central telefónica de apoio á xestión epidemiolóxica e seguimento de contactos de infectados polo covid-19. O importe estimado deste contrato é de 13.859.932 euros máis Iva 

A actividade fundamental do servizo é o contacto telefónico con cada caso de infección por virus, para realizar a enquisa epidemiolóxica necesaria, recoller información dos contactos, sexa cal sexa a súa orixe, e encargarse da vixilancia activa diaria de todos os contactos rexistrados. 

Este servizo, apuntou a Xunta, é necesario para establecer un sistema que permita "cumprir cos obxectivos marcados pola autoridade sanitaria" e que "faga posible ter un plan de control da pandemia baseado na pronta identificación de todos os casos de infección". 

Tendo en conta as circunstancias, considérase que o tipo de contrato mais adecuado é o acordo marco cun único empresario e licitado mediante procedemento aberto, polo cal calquera empresa capacitada e que cumpra coas solvencias establecidas poida presentar oferta. O prazo de execución deste acordo marco será dun ano desde a súa formalización e poderá ser obxecto de prórroga. O prazo máximo da duración do acordo e a súa prórroga será de dous anos. 

Ata agora, a contratación deste servizo realizouse mediante a tramitación de urxencia recollida no artigo 120 da Lei de Contratos do Sector Público. Con todo, á vista da evolución da pandemia, co incremento significativo de casos e a incerteza ante a posible aparición de novas ondas, a Xunta de Galicia considera adecuado realizar unha licitación pública deste servizo. 

Comentarios