A Xunta deseña un terceiro Plan de rescate empresarial con fondos estatais

Lorenzana reuniuse este luns por videoconferencia cos representantes do Diálogo Social
María Jesús Lorenzana Somoza. PEPE FERRÍN
photo_camera María Jesús Lorenzana Somoza. PEPE FERRÍN

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou este luns que a Xunta traballa xa no deseño dun terceiro Plan de rescate dirixido ao tecido empresarial galego, que se nutrirá dos fondos que o Estado achegue á comunidade autónoma.

Lorenzana reuniuse este luns por videoconferencia cos representantes do Diálogo Social -Confederación de Empresarios de Galicia e sindicatos CC OO e UXT- e coa Mesa do Traballo Autónomo para abordar os aspectos do novo plan. "Non queremos esperar nin un segundo, queremos ter preparadas as bases das axudas para comezar a tramitalas en canto teñamos o diñeiro", manifestou a conselleira.

A día de hoxe, tal e como comentou Lorenzana, "non sabemos a contía da transferencia que se vai a facer á comunidade de Galicia". Neste sentido, e segundo informa a Xunta nun comunicado, a titular de Emprego e Igualdade reclamou que se teña en conta na repartición que o 97 % do tecido empresarial galego está integrado por persoas traballadoras autónomas e microempresas. "O peso que debería ter Galicia en canto a contía a transferir debería ter relación con esa realidade", considerou.

Outra das prioridades apuntadas pola Xunta pasa pola axilidade na tramitación. "Queremos simplificar, na medida do posible e dentro da marxe que deixe a Administración Xeral do Estado, a xustificación que van ter que presentar autónomos e microempresas para poder cobrar estas axudas", dixo.

Lorenzana manifestou a súa preocupación porque, ao seu criterio, o Estado deseñou un procedemento "máis burocrático"

A conselleira afirmou que "é moito máis sinxelo de tramitar o plan autonómico que o plan tal e como o concibe o Goberno estatal". "é certo -agregou- que en Galicia avanzamos moito, temos unha plataforma informática fantástica e penso que temos todas as engrenaxes para facelo da forma máis rápida posible, dentro das limitacións burocráticas que poña o Estado".

Lorenzana manifestou a súa preocupación porque, ao seu criterio, o Estado deseñou un procedemento "máis burocrático" que "vai complicar moitísimo a tramitación das axudas".

Entre outras medidas, puxo en cuestión que se estableza unha orde de prelación requirindo ás empresas unha serie de xustificantes de gastos sobre os que se repercutirá a axuda. 

Comentarios