A Xunta esgota as vías para evitar que os Franco leven os BIC de Meirás

A familia do ditador solicita formarmente a retirada das estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Pardo Bazán

Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Estatuas de Abraham e Isaac, obras do Mestre Mateo. EP
Os herdeiros do ditador Francisco Franco solicitaron formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia retirar do interior do Pazo de Meirás as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán.

Así o confirmou na mañá deste sábado o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en declaracións aos medios nun acto celebrado en Santiago, onde manifestou que a intención da Xunta é facer valer a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) de ambos os bens (plena no caso das estatuas e en fase de tramitación no da biblioteca) para evitar que salgan de Galicia.

FACER PREVALECER A CONIDICIÓN DE BIC. O titular de Cultura puxo o acento en que se trata dun asunto "de gran relevancia xurídica" que debe ser abordado "con solvencia" pois supón unha cuestión que escapa de formulacións "políticas" e alcanza o ámbito da xustiza.

Deste xeito, tras confirmar a solicitude efectuada polos herdeiros do ditador tras a sentenza que lles permite retirar os bens mobles que hai no interior do pazo, o conselleiro manifestou que a intención da Xunta é "intentar preservar para o patrimonio cultural de Galicia estes bens" porque ese é "o sentir maioritario dos galegos".

Para iso, a vía elixida é facer prevaler a condición de BIC de ambos os elementos. No caso das estatuas do Mestre Mateo, están declaradas BIC desde o ano 2019, mentres que a biblioteca da escritora está incoado o expediente e, xa que logo, a Xunta entende que é "para todos os efectos" un ben protexido.

Patrimonio ten agora un prazo de tres meses para responder á petición dos Franco. Durante ese tempo, a Administración autonómica abrirá unha rolda de contactos coas "institucións culturais máis singulares do país" para solicitar informes sobre os que "asentar con solvencia unha solución específica" que permita que estes bens se manteñan entre o patrimonio galego.

En concreto, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e a Academia de Belas Artes son as entidades ás que recorre a Xunta, que tamén solicitará a opinión de catedráticos "de prestixio" para elaborar a súa estratexia legal dentro do ámbito das súas competencias.

RESTO DE BENS. Respecto ao resto de bens que hai en Meirás, sobre os que os herdeiros de Franco teñen un prazo dun mes para retirar do complexo de Sada (A Coruña); o conselleiro dixo que os servizos xurídicos da Xunta concluíron que corresponde ao Estado "reclamar ou iniciar unha declaración BIC" para a súa protección.

"Son bens escritos ao patrimonio do Estado. Ten que ser o propio Estado, en base aos artigos 6 e 9 da Lei de Patrimonio Histórico de España", comentou o conselleiro, que ofreceu a colaboración da Administración autonómica.

"Pero quen ten que incoar ese expediente BIC é o Estado", engadiu antes de emprazar a facer "as cousas ben" no plano xurídico para evitar "pasos atrás".

Comentarios