A Xunta garante que é posible abortar en todas as áreas sanitarias

O conselleiro subliña que os centros públicos efectuaron o 60% das interrupcións voluntarias do embarazo practicadas en Galicia en 2022 ► O PSdeG denuncia que nalgunhas áreas non se realizan "en función da semana de xestación"
Julio García Comesaña. LAVANDEIRA JR
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. ARQUIVO

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou este mércores que a sanidade pública garante o cumprimento da lexislación vixente en materia de saúde sexual e blinda a interrupción do embarazo nas sete áreas sanitarias da comunidade.

García Comesaña remarcou que os centros de orientación familiar e hospitalarios do sistema público "permiten a realización de abortos farmacolóxicos nas sete áreas sanitarias por baixo das 9 semanas de xestación". Entre as 9 e 14 semanas, "os centros hospitalarios de todas as áreas realizan interrupcións voluntarias do embarazo polo procedemento instrumental", mentres que "entre as 15 e 22 semanas —un período no que a lexislación vixente xa só permite o aborto por causas médicas— os hospitais de cabeceira das sete áreas e tamén algún hospital comarcal realizan estas intervencións, ben sexa por procedemento farmacolóxico ou instrumental".

Deste xeito, nunha intervención no Parlamento, o conselleiro remarcou que Galicia xa cumpre coa lexislación, posto que garante a interrupción voluntaria do embarazo en todas as áreas, a diferenza do que sucede noutras comunidades gobernadas polo PSOE como —dixo— La Rioja ou Extremadura. Subliñou así que os cambios previstos na lexislación estatal non engaden ningunha prestación nova ás que xa oferta a sanidade pública galega desde hai moitos anos.

En resposta a unha interpelación do PSdeG, García Comesaña puxo en valor os datos de Galicia xa que de todas as interrupcións voluntarias realizadas en 2022 o 60% practicáronse en centros públicos e o 40% deriváronse a privados.

Reforma da lei

Respecto das alegacións realizadas pola Xunta á reforma da lei do aborto en trámite, o conselleiro defendeu as súas achegas porque o Goberno galego non considera "razoable nin ben regulado o cambio respecto da non necesidade de consentimento dos titulares da patria potestade no caso de menores de idade xa que pode xerarse unha situación de desprotección dunha menor".

A Xunta, dixo, considera "pouco apropiado eliminar o período de reflexión sobre esta intervención xa que a propia lei establece o deber de proporcionar un volume moi importante de información á muller, tanto sobre os distintos métodos como sobre as condicións e os centros dispoñibles".

O PSdeG rebate ao conselleiro

Fronte a iso, a portavoz de Igualdade do grupo socialista, Noa Díaz, pediu á Xunta "dilixencia" para asumir a nova norma e desmentiu ao conselleiro, ao asegurar que hai áreas sanitarias en Galicia "nas que non se practican abortos na pública en función da semana de xestación", derivando a centros privados.

Díaz denunciou que o Goberno galego se nega a ofrecer datos públicos de interrupcións voluntarias de embarazo en centros públicos e sobre os que son derivados ás privadas. Nesta situación, a deputada do PSdeG manifestou a súa "preocupación" ante a intención da Xunta "de poñer trabas á inminente normativa".

Noa Díaz insistiu en que a preocupación do seu grupo deriva tamén do "titubeo" e as "posturas nada contundentes de apoio aos dereitos das mulleres" por parte do PP galego durante a polémica polo anuncio do goberno de Castilla y León dun protocolo "infame" para "coartar o dereito das mulleres a interromper o seu embarazo".

Comentarios