A Xunta habilitará nun máximo de 10 días os cursos obrigatorios para a hostalería

Os traballadores do sector terán que pasar un exame teórico adecuado ao nivel no que se atope o establecemento
Hosteleros. DP
photo_camera Hosteleros. DP

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na súa edición bis deste xoves o anexo ao plan de hostalería segura no que se especifica a información relativa aos cursos de formación que se deben implantar nos establecementos de hostalería e que dan posibilidade de acceder aos distintos niveis de aforamento. 

Segundo consta no DOG, recollido por Europa Press, a Administración autonómica porá a disposición dos profesionais do sector unha plataforma de formación para acceder aos contidos de cada nivel e obter a certificación oportuna "de forma gratuíta". O acceso será a través da páxina web (https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/formacion-niveis-covid-19).

Para a superación de cada curso, realizarase unha proba teórica formada, como mínimo, por 20 preguntas, das cales, para aprobar a proba, débese contestar correctamente un 80 por cento. Tras a superación da proba, porase a disposición do alumnado un certificado que conterá o programa da formación. 

Ademais dos cursos implantados pola administración, tamén poderán ser entidades privadas as que os impartan, así como outras entidades e servizos de prevención de riscos laborais. 

En todo caso, dado o carácter sanitario da formación, a titulación dos docentes deberá ser licenciaturas ou diplomaturas do ámbito sanitario, Veterinaria, técnicos de seguridade e hixiene ou técnicos en prevención de riscos. Débese esixir a asistencia completa ao curso (sexa presencial ou online) e débese realizar así mesmo un exame. 

O DOG bis tamén recolle a posibilidade de validar os cursos xa realizados por entidades, para o que o programa desenvolvido debe coincidir en polo menos un 80 por cento coa programación deseñada pola Xunta e a duración debe de ser igual ou maior a dúas horas. Estes requisitos poderán ser comprobados polas autoridades competentes no caso de inspección do establecemento, sinala o DOG.

PROGRAMACIÓN. Os contidos do plan básico inclúe o coñecemento do plan de hostalería segura, coñecementos da infección do SARS-COV-2 e un estudo sobre as principais medidas anticovid e a importancia da ventilación. 

No plan avanzado amplíanse contidos como a detección precoz do virus ou o coñecemento acerca da vacinación. Tamén hai un estudo sobre a relación coa clientela, cun servizo e orientación sobre as normas de hixiene, tanto a nivel individual como colectivo. 

Comentarios