A Xunta investirá 135 millóns de euros en formación

Así o sinala Núñez Feijóo na entrega de recoñecementos de experiencia profesional a 1.629 personas que o obtiveron neste curso en Galicia

Alberto Núñez Feijóo.XOÁN RAY (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo.XOÁN REY (Efe)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este luns a importancia da formación en materia de emprego tras a entrega de recoñecementos de experiencia profesional a 1.629 persoas que o obtiveron este curso en Galicia.

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acolleu o luns a entrega dos Certificados de Recoñecemento de Experiencia Profesional (REXP) correspondente á convocatoria de 2018.

Núñez Feijóo, no seu discurso, recordou que a formación é "algo útil, algo que vai abrir moitas portas e, sen dúbidas, vai ser clave no devir profesional", cuns recoñecementos que valen para todo o Estado e está "convencido" de que pronto servirán na Unión Europea.

Entre as 1.629 persoas que recibiron os seus diplomas acreditativos, destacan os que se dedican á atención de dependencia, un 45 %, e os socorristas, un 30 %, ademais dos vinculados a operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio no medio rural, un 4 %.

Sobre este último sector, en concreto, apostou pola silvicultura e a agrupación de terras en sociedades de xestión forestal para "crear emprego" con árbores de froito e con madeira certificada: "Aí hai un nicho importantísimo de traballo", considerou.

O titular do Goberno galego relaciona directamente a formación coas "posibilidades para traballar" e, de feito, recordou que "o corenta por cento dos desempregados en Galicia non finalizaron a ESO".

Asegura que por iso "toda formación para o emprego en Galicia ten como obxectivo obter un certificado de profesionalidade" e, engade, a Comunidade "está á cabeza do emprego certificable de España" con 366 millóns de euros investidos desde 2009.

A que conclúe este luns é a décima convocatoria de certificados de profesionalidade, nun programa que xa beneficiou a 11.600 persoas nestes nove anos, aínda que se se suman todos os beneficiarios de accións formativas son 68.000 os galegos con recoñecemento oficial con validez nacional.

Ademais destes recoñecementos, Núñez Feijóo recordou que a Xunta financia o cento por cento da formación en empresas se hai unha garantía de contratación de polo menos un corenta por cento dos beneficiarios.

"Non é un gasto, é un investimento con rendemento. A formación é un investimento puro", subliñou o titular da Xunta antes de avanzar un próximo plan de formación para traballadores da industria da automoción, que irá ao Consello en próximas semanas.

En concreto, o Goberno galego investirá 135 millóns de euros en formación dos sectores naval, forestal e da automoción, precisou.

Para el, Galicia traballa de xeito correcto no ámbito de creación de emprego, pois "por primeira vez nos últimos sete anos" supérase o millón de afiliados á Seguridade Social.

"Quédannos 30.000 afiliados para ter os datos que tiñamos en marzo do ano 2009", continuou antes de matizar que a poboación activa é case igual á existente en 2009 a pesar de que un vinte e cinco por cento dos galegos, segundo os seus datos, son maiores de 65 anos.

Recordou que o desemprego en Galicia "leva catro anos e medio baixando de forma continuada" e vincula iso co crecemento continuo da economía, concluíu.

Comentarios