A Xunta licita de novo o transporte escolar por 93,4 millóns euros

A partida conta cun incremento dun 15 % máis que darán servizo a 424 centros públicos e representan o 47 % dos alumnos
Transporte escolar. EFE
photo_camera Transporte escolar. EFE

O Goberno galego autorizou este xoves a tramitación do expediente de transporte escolar por un importe de  93,4 millóns de euros para os próximos dous anos, un 15 % máis que a anterior licitación, retirada por diversas carencias.

Tras a reunión semanal do Executivo autonómico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o contrato se divide en 57 lotes para que teñan maiores opcións as pemes. 

Estas rutas darán servizo a 424 centros públicos e representan o 47 % dos alumnos, xa que o resto acoden en autobuses no que tamén poden viaxar usuarios alleos aos centros educativos e dependen do departamento de Infraestruturas. 

Na reunión desta semana, ademais, a Xunta analizou un informe sobre a folla de ruta do polo aeuronáutico de Rozas (Lugo) para o período 2021-2025, un dos principais proxectos da candidatura de Galicia á captación dos fondos europeos Next Generation. 

Segundo Núñez Feijóo, podería chegar a mobilizar 540 millóns de euros a través da colaboración público-privada e permitirá xerar riqueza "no ámbito das tecnoloxías, os mercados e os empregos do futuro, coa creación de ata 3.000 postos de traballo".

O presidente galego anunciou que en xullo publicará a licitación de 40 millóns de euros de compra pública precomercial "dos 70 millóns comprometido ata 2025".

O Consello da Xunta deu o visto e prace tamén ao proxecto sectorial que desenvolverá o centro de investigacións científicas CSIC nos terreos do extinto centro militar Etea no barrio vigués de Teis, co que comeza a correr o prazo dun ano para comezar os traballos e de catro para finalizalos.

O CSIC trasladará a esta localización o Instituto de Investigacións Mariñas, actualmente en Bouzas, na outra punta da cidade, e tamén a Unidade Tecnolóxica Mariña, que está no Berbés

Dos seis proxectos sectoriais dos que constaba a reordenación dos terreos de Etea hai un en tramitación, o liderado pola Universidade de Vigo, e tres aprobados, dous da Xunta e o do CSIC, así como outro xa executado, do Goberno galego, e outro máis que corresponde ao Concello de Vigo que "non iniciou sequera a tramitación ambiental", dixo Núñez Feijóo. 

Outra das medidas autorizadas este xoves pola Xunta é o pago de 2,39 millóns de euros a Santiago de Compostela polo estatuto de capitalidade, unha figura establecida en 2002 e aprobada por unanimidade no Parlamento galego, sinalou o presidente da Xunta, para compensar o incremento de gasto corrente para a cidade derivado de albergar as principais institucións autonómicas. 

Recentemente o alcalde de Vigo, Abel Caballero, cuestionou que Santiago de Compostela reciba diñeiro por esta cuestión e sinalou que reclamará tres euros por cada un que reciba a capital galega por este tema. 

Ademais, a Xunta deu o visto e prace á adquisición de dúas patrulleiras lixeiras por 12 millóns de euros para o servizo de strong <>Gardacostas, dependente da Consellería de Mar.

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis a partir do venres
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a resolución que estende a gratuidade do transporte público aos menores de 21 anos o uso do cartón Xente Nova, que se pode solicitar en calquera das 231 oficinas de Abanca das catro provincias. A medida entra en vigor este venres en todos os concellos, segundo informa a Xunta nun comunicado.

Neste sentido, todos os galegos con menos de 21 anos poderán viaxar gratis a través dos 313 concellos galegos, ademais de en barco pola ría de Vigo e en ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol. Para poder comezar a utilizala, é necesario cargar un saldo inicial para abonar as primeiras viaxes e que, posteriormente, será reintegrado no dispositivo. 

Comentarios