A Xunta pide "colaboración" aos concellos para "erradicar a praga" da velutina

As iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina en Galicia articúlanse en catro eixos: retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación, información e divulgación e investigaciónâ??
Nido de velutina. RAFA FARIÑA
photo_camera Un niño de velutina. RAFA FARIÑA

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, reuniuse este xoves con representantes dos concellos galegos para pedir a súa "colaboración" de face á posta en marcha das novas iniciativas activadas este ano para "erradicar a praga" da velutina en Galicia.

Así o sinalou a nova titular de Medio Rural acompañada pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; a directora de Seaga, Luisa Piñeiro e o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Héctor Corujo.

As iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina en Galicia articúlanse en catro eixos -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación, información e divulgación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano no conxunto do territorio.

A conselleira puxo en valor que "por primeira vez os 313 concellos" de Galicia "participasen conxuntamente" no plan promovido pola Xunta para "errradicar" esta praga.

Incidiu en solicitar a implicación dos municipios porque entende que "todos xuntos podemos ser máis eficaces, que é do que se trata".
Gómez, que foi alcaldesa de Guntín , incidiu en que os concellos son os que mellor información poden ofrecer sobre os niños de avispas posto que "son os que están no territorio" e os "primeiros aos que chaman" os veciños para alertar da presenza destas avispas.

A súa colaboración é "esencial" porque son "o elo en contacto con cidadanía", axuizou a conselleira. Explicou que este ano a campaña comeza "un pouco tarde" debido ao carácter "chuvioso e frío" do inverno, que fixo que as avispas non chegasen a Galicia ata agora, momento no que están "a comezar a aparecer os primeiros niños".

Pola súa banda, o vicepresidente da FEGAMP, Héctor Corujo, tamén valorou "moi positivamente" este plan de colaboración e sinalou que esta reunión é "un paso máis".

Explicou que "as actuacións preventivas" son as máis demandadas polos municipios. Tamén se está levando a cabo un labor de divulgación entre a cidadanía que complementa os traballos sobre o terreo, mediante a retirada de niños primarios -xa iniciado en febreiro- e o trampeo selectivo, planificado e coordinado, que se está implementando de xeito simultáneo nas catro provincias e que está coordinado "pola consellería de Medio Ambiente". 

Comentarios