A Xunta prevé que en 2021 a hospitalización a domicilio chegue a toda Galicia os 365 días

O novo modelo incluirá unha prestación compartida de Atención Primaria e especializada e incluso visitas conxuntas

 Alberto Núñez Feijóo, acompañado por el conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participará en la presentación del Plan de hospitalización a domicilio
photo_camera Feijóo e o conselleiro de Sanidade participaron na presentación do plan de Hado. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta propuxo este martes "acurtar prazos" para o plan de hospitalización a domicilio (Hado) e que este servizo xa estea implantado para 2021 "no 100 por 100 do territorio" de Galicia e os "365 días ao ano". Alberto Núñez Feijóo anunciouno en Santiago ante máis dun centenar de persoas, entre elas profesionais sanitarios que participaron na elaboración do proxecto e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

"Este plan está deseñado para o período 2019-2023, pero creo que merece a pena ofrecelo en menos tempo. E para iso é necesario aplicar máis diñeiro en menos tempo", apuntou Feijóo, quen cualificou como "prioritario" este servizo "clave para as familias" que suporá unha dotación orzamentaria de 2,5 millóns de euros —2,3 millóns para persoal—.

A pesar de acurtar os prazos para a súa implantación, o presidente da Xunta asegurou que "non vai supoñer un incremento do gasto sanitario", senón que será facer "máis eficientes" os recursos ao "evitar" parte da estancia media dos pacientes nas plantas dos hospitais. 

Ademais, e tal e como se abordou no Consello da Xunta da pasada semana, Feijóo subliñou que este plan trata de "finalizar", "homoxeneizar" e "protocolizar" un servizo que vén facendo desde hai anos e estendelo a todas as áreas sanitarias e facelo dispoñible "todos os días do ano", incluídos sábados e domingos. Para iso, os equipos sanitarios en funcionamento ampliaranse de 45 a 60, con 15 médicos e 30 enfermeiros máis, o que suporá a adquisición de 15 novos vehículos.

"UN NOVO MODELO". Trátase dun "novo modelo asistencial" en Galicia, incidiu Feijóo, xa que a atención ao paciente será "compartida entre equipos de Atención Primaria, hospitalización a domicilio e o hospital", tres asistenciais que traballarán "de xeito coordinado". 

"Descubrín que os pacientes eran membros dunha familia"
No mesmo acto, Leticia Hermida, un médico de familia que traballa a domicilio, valorou este servizo como "unha atención centrada nos pacientes". "Coa hospitalización a domicilio descubrín que os pacientes non eran órganos, non eran síntomas, eran membros dunha familia. Hai pacientes paliativos, crónicos, complexos, con úlceras moi complicadas... e necesitaban asistencia médica e enfermería cun plus de humanidade", relatou.

Silvia Grande, unha enfermeira que tamén pertence ao persoal deste servizo, abordou que a hospitalización en casa "non só é determinante para a atención do paciente" a nivel sanitario, senón que tamén se ocupan "do valor emocional do proceso" a través dunha "visión da súa situación persoal e familiar". "A hospitalización a domicilio garante unha asistencia de calidade na contorna máis favorable para o paciente: a súa casa", dixo. 

Comentarios