A Xunta sumará oito albergues á súa rede en 2021, que se achegará ás 80 instalacións

Ao longo do ano 2019 fixeron noite nas instalacións de carácter público un total de 306.126 peregrinos ▶ A maior parte dos novos proxectos están orientados á rehabilitación de edificios históricos das distintas rutas
O vicepresidente primeiro da
Xunta, Alfonso Rueda, nunha
visita de traballo ao albergue
de Pontevedra. DP
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita de traballo ao albergue de Pontevedra. DP

A Rede pública de albergues de peregrinos da Xunta de Galicia verá incrementado o seu número durante o próximo ano 2021, coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo, de forma que estarán en funcionamento 79 instalacións públicas ás que haberá que engadir outros proxectos municipais e empresariais privados que se incorporarán a este servizo de aloxamento para peregrinos.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que "o Xacobeo 2021 será un Ano Santo diferente, pero temos a determinación de que sexa o mellor dos posibles, e traballamos para ter todo listo para recibir aos peregrinos e turistas que nos visiten para que, entre outras cousas, poidan aloxarse en albergues cunhas instalacións adecuadas".

Para incrementar a cifra destas instalacións e optimizar a cobertura no territorio galego, a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, puxo en marcha o Plan de albergues da rede pública 2019- 2021, cun orzamento de 7 millóns de euros e cuxa actuación se estende por varias rutas do Camiño de Santiago.

Melloramos as infraestrutruras e levabamos a cabo outras actuacións para ofrecer a mellor imaxe de Galicia

"Reforzamos o noso compromiso con esta rede que ofrece máis de 3.200 prazas ao longo dos 1.500 quilómetros polos que transitan as diferentes rutas xacobeas. Así habilitaremos 8 novos albergues para contar cunha oferta suficiente para acoller aos peregrinos que fan o Camiño", manifestou Rueda, que explicou que "poremos en marcha o ano que vén os de Vilasantar (Camiño do Norte), O Saviñao (Camiño de Inverno), A Gudiña (Vía da Prata), Oseira (Vía da Prata) e Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), ademais do primeiro Albergue de Vigo (Camiño Portugués da Costa). E tamén iniciaremos as obras dos albergues de Piñor e Friol". "Ademais de dispoñer dos novos albergues nas zonas nas que é máis necesario pola demanda, nalgúns casos aproveitamos para darlle unha nova vida a edificios de alto valor histórico e patrimonial, como por exemplo o mosteiro de Santa María A Real de Oseira", expresou.

NOVIDADES. Os camiños Primitivo, do Norte, e Inglés tamén viron incrementado o número destas instalacións entre os tres últimos anos coas aperturas da Fonsagrada, Friol, Ourense e Ordes, respectivamente. Os catro foron rehabilitacións de edificios históricos.

Peregrinos facendo o CamiñoNa actualidade, dos 70 albergues cos que conta a rede pública, 22 deles atópanse no Camiño Francés; 10, no Camiño Portugués; 13, na Vía da prata; 8 albergues, no Camiño do Norte; 6, no Primitivo; e o Camiño de Fisterra e Muxía conta con 5 albergues.

O obxectivo deste plan é tamén dotar a todas as rutas xacobeas de aloxamentos públicos. Deste xeito, o Camiño Portugués da Costa contará co primeiro albergue deste tipo en Vigo e o Camiño de Inverno co do Saviñao.

PERFIL. Os albergues públicos do Camiño de Santiago acolleron o pasado ano 2019 un total de 306.126 pernoitas e foron utilizados por distintos perfís de peregrinos. Segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, realizado para Turismo de Galicia, a rede pública de albergues acapara o 91% das pernoitas dos peregrinos expertos: aqueles que proceden de España, que teñen entre 40 e 50 anos, camiñan en solitario e repiten a súa experiencia no Camiño. Este tipo de albergues tamén ocupa o 87% das pernoitas dos peregrinos tradicionais: os que peregrinan de forma individual, son estranxeiros entre 20 e 60 anos, fan longos percorridos e non repite a experiencia.

Os peregrinos modernos, aqueles que peregrinan en grupo, procedentes do propio territorio español e maioritariamente femininos, tamén prefiren aloxarse nestes establecementos nun 78%.

Outro perfil de camiñante detectado no estudo da USC é o dos peregrinos viaxeiros, os que camiñan de forma individual, son estranxeiros e novos. Este tipo de peregrinos utiliza os albergues públicos nun 76%. Ademais, os peregrinos españois mozos elixen albergues públicos nun 75%, ao viaxar en grupo e facer percorridos curtos repetindo a experiencia.

Reforzamos o noso compromiso con esta rede, que ofrece máis de 3.200 prazas nas diferentes rutas xacobeas

Por último, os peregrinos lúdicos, aqueles que peregrinan en grupo multinacional, que escolle percorridos curtos e medios, prefire os albergues públicos do Camiño nun 69%.

RESERVA DE PRAZAS. Como consecuencia da influencia do covid- 19, Turismo de Galicia puxo en marcha o programa Camiño Seguro, unha iniciativa coa que se promove unha peregrinación adaptada á actual situación sanitaria a través dun protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos en Galicia.

Peregrinos por Cee"Neste Xacobeo 2021 temos que insistir en que o Camiño é Seguro e en que Galicia é un destino seguro. Unha mensaxe que se reforza con estas melloras e tamén coas medidas que xa vimos levando a cabo nestes meses cun apoio integral para implantar tódalas medidas de prevención ante o covid-19 nos albergues", di o representante autonómico.

"No marco desta aposta por un Camiño Seguro habilitouse unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago, ofrecendo así maiores garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario. E co compromiso por ofrecer un servizo de calidade e seguridade ofreceuse formación online en materia hixiénico-sanitaria a 300 albergueiros. Ademais, habilitouse unha liña de axudas para o sector turístico, incluíndo tamén aos albergues privados, para financiar a adquisición de material de protección e facilitar a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra a covid-19" explicou Rueda.

Por outra banda, recentemente presentouse o Plan de continxencia para os corredores peonís seguros, que reúnen as directrices fronte ao coronavirus elaboradas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para aplicar nos 11 concellos galegos polos que discorre o Camiño Francés, e que se estenderá ás demais rutas do Camiño de Santiago.

Turismo de Galicia puxo en marcha Camiño Seguro, un programa con medidas de actuación nas rutas xacobeas fronte ao covid-19

Este proxecto inclúe recomendacións a aplicar por estas entidades locais nas súas instalacións e servizos turísticos sobre os protocolos de prevención fronte ao covid- 19 en canto ao distanciamento e control de aforamento, limpeza e desinfección, información aos peregrinos e actuacións ante casos de infección. Ademais, contempla análise das zonas de risco ao longo do Camiño, así como a identificación dos espazos públicos singulares no trazado e os riscos nos distintos servizos públicos prestados aos camiñantes.

"Melloramos as infraestruturas como os albergues e levamos a cabo tamén actuacións de sinalización, mantemento dos Camiños e actuacións do embelecemento do entorno. Todo para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a peregrinos e visitantes neste Xacobeo 2021", conclúe o vicepresidente primeiro. 
 

A Fonsagrada. Reconversión da antiga Casa Pasarín

Para a rehablitación da antiga Casa Pasarín da Fonsagrada e a súa reconversión en albergue investíronse 667.385 euros.

Casco vello

A Casa do Pasarín, ou Palacio de Pena, sitúase en pleno casco vello de A Fonsagrada, no propio Camiño Primitivo que conduce a Santiago. Trátase dun edificio catalogado que forma parte do patrimonio cultural da vila. A casa está composta por planta baixa, piso e faiado, cunha superficie de 744 metros construídos (e 500 útiles).

Servizos
Nos seus 500 metros cadrados útiles o albergue ofrece 42 prazas, distribuídas en cinco habitacións de 2 a 16 camas. A cociña ten neveira, placas, forno e microondas e ao lado conta cun pequeno comedor. Para descansar, ler o conversar dispóñense varias salas na planta baixa e alta, entre elas a que ocupa a gran galería de madeira, pintada de vermello.

Lareira
Un dos espazos máis acolledores é a lareira, que se ben mantén o enlousado antigo da base foi provista dunha moderna campá de metal. Conserváronse os solos de madeira de castañeiro, vigas antigas da cuberta e ata as pinturas murais modernistas que decoran os zócalos das habitacións.
 

 

O Saviñao. Rehabilitación do pazo bispal de Diomondi

No proxecto de albergue do concello de O Saviñao, no que se acomete a rehabilitación do pazo bispal de Diomondi, invístese máis de un millón de euros, en concreto 1.015.747,93.

Residencia bispal
Este edificio, vinculado á igrexa de San Paio, foi utilizado como residencia de verán polos bispos lucenses.

Servizos

Nos seus 482 metros cadrados útiles o albergue ofrecerá 56 prazas, en once habitacións. A instalación terá salón de actos, recepción, deambulatorio-office, aseos, cociña, sala de estar e outras estanzas. 

 

Comentarios