A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día Mundial do Leite

A Consellería do Medio Rural lembra o valor deste produto pola relevancia económica, social, ambiental, e mesmo cultural, que ten na nosa comunidade
A conselleira Ángeles Vázquez e Belén do Campo no Pequebasket do Concello de Carballo
photo_camera A conselleira Ángeles Vázquez e Belén do Campo no Pequebasket do Concello de Carballo

A Xunta súmase este xoves á celebración do Día Mundial do Leite, instituído polas Nacións Unidas co fin de salientar a importancia da produción e o consumo deste produto e dos seus derivados. Deste xeito, o Goberno galego quere poñer en valor o leite por mor da enorme relevancia que ten na nosa Comunidade e mesmo polas innegables virtudes e beneficios cos que conta dende o punto de vista da nutrición. 

Neste sentido, esta xornada serve para lembrar que o leite é a nosa principal fonte de calcio, pero tamén de proteínas, graxas e vitaminas liposolubles, como A, D e E, esenciais para o bo funcionamento do noso corpo. Tamén é rico en vitaminas solubles en auga, como B2, B1, B6, B12, C, B3 e H. Todas elas son necesarias para a produción de enerxía, a circulación sanguínea, o metabolismo dos ácidos graxos ou a produción das células vermellas do sangue, entre outras funcións.

Neste Día Mundial, a Consellería do Medio Rural recorda tamén que o noso sector lácteo é líder dentro de España, posto que Galicia conta co 55% dos produtores, que supoñen o 38% da producción láctea do Estado.

Galega 100%
Ademais, o leite galego destaca pola súa extraordinaria calidade, distinguida co selo Galega 100%, que xestiona o Ligal e da que a Xunta fai promoción en diferentes eventos, especialmente de carácter deportivo e cultural. Así, o pasado Día das Letras Galegas, a conselleira Ángeles Vázquez  difundiu os valores do leite amparado por este selo con motivo do Pequebasket, evento ligado ao fomento do baloncesto entre os cativos, que tivo lugar no Concello de Carballo (A Coruña).

Este acto foi o máis recente dos moitos nos que estivo presente o selo Galega 100% nos últimos meses. Cómpre destacar, entre outros, os partidos de fútbol dos equipos galegos de Primeira e Segunda División, carreiras populares como a pedestre de Santiago ou a de San Martiño en Ourense. En todos eles entregáronse gratuitamente briks de leite entre os asistentes. Xa que logo, o selo Galega 100% consolídase como unha referencia popular que goza dunha grande acollida entre os consumidores.

Para máis información, consulta a web http://www.galega100x100.es.

Comentarios