Yolanda Díaz invita a BNG e Podemos a colaborar en "un cambio histórico"

Considera que neste momento "soamente cabe a unidade reflexiva das distintas esquerdas", co "protagonismo cidadán" por diante
Yolanda Díaz
photo_camera Yolanda Díaz

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, asegurou que existe "un clamor unánime" para que as distintas forzas da esquerda se poñan de acordo e conflúan nunha gran marea galega, na que tamén estean Podemos e o BNG, para motivar "un cambio histórico".


Díaz sinalou, nunha entrevista emitida hoxe por Radio Galega, que no momento actual "soamente cabe a unidade reflexiva das distintas esquerdas", co "protagonismo cidadán" por diante, en todo contexto electoral.

Fixo este chamamento a Podemos e ao BNG, organización política necesaria "para contribuír ao gran proceso de cambio político que está en marcha".

Yolanda Díaz apuntou que "a xente que é nacionalista quere que o BNG se some ao proceso de cambio histórico que estamos a vivir".

AUTOCRÍTICA. A tamén viceportavoz parlamentaria de Age dedicou uns minutos á autocrítica, en referencia aos resultados obtidos no rural galego, onde asegura que non fixeron as cousas ben xa que chegaron "moi esgotados" ao proceso, e subliña Yolanda Díaz que de telo feito mellor, "o trompazo para o PP sería máis tremendo".

En referencia á candidatura de Esquerda Unida en Madrid, Díaz foi taxativa ao sinalar que para ela "non existe esa dirección" que decidiu presentarse á marxe da lista de Madrid Ahora en contra das recomendacións da dirección federal, polo que asegurou que "non son compañeiros" seus, e que, xa que logo, a ela non a representan.

Duras palabras tivo ademais para o seu compañeiro Cayo Lara, de quen asegura que "foi un desacerto" que fixese campaña con Raquel López a pesar "de que a Presidencia Federal votase en contra". 

Comentarios