Yolanda Díaz: "Que o BNG exclúa a Podemos é obstáculo para crear unha marea galega"

A coordinadora de Esquerda Unida sostén que as candidaturas de unidade popular "teñen que ser inclusivas, xenerosas; teñen que diferenciarnos no programa, non na cor da pel"
La coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz
photo_camera La coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz

A coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, cre que hai "demasiados obstáculos no camiño" para constituír unha Marea Galega de cara ás eleccións autonómicas e identifica directamente como un deles o "proceso de exclusión" do BNG a Podemos, "un actor de cambios fundamental".

Nunha entrevista emitida hoxe pola Cadena Ser en Galicia, Díaz, convencida de que "podemos gañar a Xunta", sostén que esa futura candidatura, para a que ve estes impedimentos, está en todo caso "vinculada" ao proxecto de confluencia para os comicios xerais. "Por iso temos que acertar", argumenta.

"Os dirixentes do BNG están a dicir todos os días nos medios que non queren converxer con Podemos e creo que esa non é a forma de facer política" xa que, as candidaturas de unidade popular, "teñen que ser inclusivas, xenerosas; teñen que diferenciarnos no programa, non na cor da pel".

Aínda así, felicita e dá a benvida ao BNG por "incorporarse" a este proceso "a pesar de que levan desde 2012 sen atender a este reclamo popular; non ao que nós faciamos, senón ao que estaba a pedir a xente".

"O que aprendemos do 24M é que as cousas se facían doutro xeito e que iamos cara a procesos de unidade popular que non son unha suma de siglas, senón a unión da xente: tecer de xeito artesanal por abaixo e gañar para cambiar a realidade deste país".

A tamén viceportavoz de AGE define ao "inimigo" como "brutal", xa que "non é só o bipartidismo, son os poderes económicos; loitamos David contra Goliath e todos somos necesarios. Aprendamos da lección grega".

Di que non lle "preocupa" se Alberto Núñez Feijóo repite como candidato do PP á Xunta. "Dá igual a quen presenten; Feijóo é un vasallo da gran banca e traballa para quen traballa. Feijóo, Pedro Puy, Alfonso Rueda... representan o mesmo. O que non fan é traballar para as maiorías sociais".

O que si lle preocupa a Yolanda Díaz, no entanto, é que "nas barricadas da xente común, que é plural e diversa, esteamos coa man tendida e aprendamos das leccións da historia".

Comentarios