Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Cotobade reparte máis de 400 petotes na súa festa

A festa sitúase moi por encima do obxectivo fixado para este ano. O alcalde destaca que a convocatoria "viviu un punto de inflexión nesta sétima edición"

Máis de 400 persoas dispostas en oito longas mesas, no pavillón de deportes do CEIP Carballedo de Cotobade dan proba da consolidación da Festa do Petote, o único evento gastronómico patrocinado polo Concello cotobadés, que este domingo celebrou a súa sétima edición.

Na presentación do evento, a semana pasada, o alcalde, Jorge Cubela, explicou que aspiraban a recibir 300 visitantes nesta cita gastronómica, na que se reivindica o valor do pobre, do ingrediente que se engadiu ao cocido na época de postguerra para facelo máis abundante cando escaseaban os víveres.

O lograr 400 comensais sitúa á festa moi por encima desa expectativa, de modo que o propio rexedor considerou o domingo que "o petote viviu este ano un punto de inflexión e experimentou un gran avance, xa que, aparte dun claro incremento da asistencia, temos claro que o obxectivo pasa pola súa promoción constante en anos vindeiros para incrementar aínda máis a sona da festa por toda Galicia e que se recoñeza a súa singularidade".

A cita gastronómica empezou sobre as 13.00 horas coa pequena feira na que se vendían e expuñan produtos alimenticios tradicionais. Tampouco faltaron as exhibicións. O showcooking de A tenda da Gata, con sobremesas como as filloas, as flores e as orellas, acabou de animar o recinto festivo.

Outro dos elementos novos desta edición foi a difusión dun vídeo promocional que xa circulou polas redes sociais e no que varios reputados cociñeiros e bloggers saúdan aos asistentes a esta edición da festa. Entre eles destacaron Iñaki Bretal, do Eirado da Leña de Pontevedra; Miguel Mosteiro, de San Miguel de Ourense; Fran Sotelino, de Bluemoon Catering, así como a blogger Rocío Garrido e o xornalista Alberto Mancebo.

Ás 14.00 iniciouse a distribución de racións de cocido, acompañadas do ingrediente estrela e foi entón cando se confirmou o éxito da presente edición, con longas colas de espera no centro do recinto. A comida correu a cargo do cátering de Víctor Senín. O morañés acendeu os fogóns ás 7.00 da madrugada, nunha carpa á beira do pavillón. Para a ocasión botou man dunha receita de petote recreada por el mesmo, tras entrevistar a varias veciñas das máis veteranas de Cotobade e facer varias probas. A versión do bolo do cocido non deixou indiferentes aos comensais a xulgar pola cantidade de visitantes que recibiu a festa.

Cotobade reparte máis de 400 petotes na súa festa
Comentarios