Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

"Lalinenses, a darlle ao cocido, ao viño, y al loro"

A Feira do Cocido de Lalín congrega este domingo a miles de persoas ► O xornalista sanxenxino Manuel Jabois recordou no seu pregón que foi a primeira festa á que acudiu na súa vida porque o seu pai traballaba na capital do Deza ► Feijóo expresou o seu desexo de que a cita gastronómica obteña "o recoñecemento oficial internacional que se merece"

Miles de persoas chegadas desde distintos puntos da comunidade gozan este domingo dun dos manxares máis deliciosos da gastronomía galega: o cocido. Fano en Lalín, con motivo da 48ª Feira do Cocido da capital do Deza.

Os actos comezaron ás 10.50 horas na praza do Consistorio e seguiron coa entrega do novo Premio Aldea Singular na entrada do Castro Tecnolóxico á parroquia de Soutolongo de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do alcalde de Lalín, Rafa Cuíña. Ao mediodía foi a quenda do pregón, que nesta edición ofreceu o xornalista e escritor Manuel Jabois, que traballou en Diario de Pontevedra e foi colaborador de El Progreso e De Luns a Venres a través de artigos que o catapultaron ás columnas dos máis prestixiosos diarios españois.

O sanxenxino, co seu estilo desenfadado e inconfundible, comezou contando que a festa do cocido foi a primeira da súa vida. "Nacín en Sanxenxo, pero o meu pai vivía aquí. Traballaba no Banco de Galicia", explicou aos asistentes Jabois, que acabou cunha invitación a todos os presentes: "Lalinenses, a darlle ao cocido, a darlle ao viño, y al loro".

"Lalinenses, a darlle ao cocido, a darlle ao viño, y al loro", invitou Manuel Jabois aos presentes



Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo expresou o seu desexo de que a Feira do Cocido de Lalín obteña "o recoñecemento oficial internacional" que se merece e que xa lle deron "oficiosamente" moitos visitantes chegados dos lugares máis diversos.

O máximo mandatario autonómico destacou durante a entrega do premio Aldea Singular que foron moitos os visistantes "propios e foráneos" que descubriron este pobo "vital", que se recrea "sen perder o seu compoñente aldeán". "Os galegos non nos reunimos para comer cocido, senón que comemos o cocido para reunirnos", expresou, antes de recoñecer que celebracións como esta, "lonxe de ser un atranco, foron a resposta do pobo a unha necesidade".

Feijóo tamén asegurou que o recoñecemento a Soutolongo ten un significado adicional nunha comarca como a do Deza, que "se converteu nun símbolo universal da man do neno labrego de Xosé Neira Vilas". "Un libro que transforma en heroe a un humilde neno de aldea e nos dá a entender que ese san aldeanismo é sentido para moitos pobos, culturas e linguas", finalizou.

"Un humilde neno de aldea que nos dá a entender que ese san aldeanismo é sentido para moitos pobos, culturas e linguas", dixo Núñez Feijóo en referencia ao Balbino de Neira Vilas

DESFILE. O desfile foi un dos atractivos principais do evento gastronómico e un dos actos que máis xente congrega cada edición.

A comitiva percorreu as rúas dirixida polo actor lalinense Fran Lareu. Participaron carrozas, comparsas, charangas, agrupacións musicais e representacións de diferentes entroidos tradicionais de Galicia.

Unha vez finalizado o desfile tivo lugar o Cocido Solidario no hotel Torre do Deza. Máis de 230 persoas confirmaron a súa asistencia a esta iniciativa que substitúe á anterior comida oficial.

Entre outros, acoden o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; ou os alcaldes de Santiago e A Coruña, Martiño Noriega, e Xulio Ferreiro, respectivamente. Con este evento o Concello pretende recadar fondos para destinalos ás distintas asociacións in ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento das accións sociais.

"Lalinenses, a darlle ao cocido, ao viño, y al loro"
Comentarios