A Festa do Porco estréase con boa nota en Silleda

No evento gastronómico participaron máis de 7.000 persoas e despacháronse unhas 10.000 racións de carne
O evento estivo organizado pola Asociación de Festas de Silleda
photo_camera O evento estivo organizado pola Asociación de Festas de Silleda

Silleda puxo punto e final este domingo á súa I Festa Gastronómica do Porco. A valoración esta estrea é moi positiva por parte da organización, a Asociación de Festas de Silleda, xa que acadou moita participación e asistencia. Ao longo da fin de semana a vila silledense reuniu a máis de 7000 persoas. A festa estivo protagonizada pola carne de porco e polos profesionais de restaurantes da zona que proveron aos visitantes con 10.000 racións de carne, que incluiron fuciño, lingua, rabo, pata, orella, panceta, costela, raxo, empanada de raxo, lacón cocido, xamón curado, chourizo, cacheira ou as empanadas de chourizo e panceta; acompañados das verzas e as patacas do país.

O actor e humorista Xosé Antonio Touriñán foi o encargado da presentación desta edición. A festa tamén ofreceu actividades lúdicas e musicais que se desenvolveron dende a mañá ata a noite, de xeito ininterrompido. Actuou o grupo folclórico Aires do Trasdeza e o sábado pola tarde estivo amenizado polo grupo de gaiterios de Sin Son e tamén polo conxunto musical Canela, con Javier Comesaña. No día de hoxe, actuou a Banda Xuvenil de Silleda e tivo lugar tamén unha mostra de folclore tradicional galego.

A organización celebra os resultados desta primeira edición da Festa Gastronómica do Porco e considera que "estamos no camiño axeitado". Asi mesmo, quixeron dar as grazas polo apoyo recibido á Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda, Ecos; Produtores Porcino de Silleda; a Asociación de Hostelería de Silleda, a Asociación Cultural o Lacón as carnicerías de Silleda, a Fundación Semana Verde de Galicia, o Concello de Silleda e moi especialmente a todo o pobo de Silleda.

Deste xeito, os impulsores desta novidosa iniciativa gastronómica confían en que poida perdurar no tempo.

Máis en Gastronomía
Comentarios