A Festa da Ostra sobreponse ó mal tempo

A cita gastronómica, catalogada de Interese Turístico desde 2002, contou coa presenza do actor Federico Pérez 'Josito', quen leu o pregón para algunhas das 30.000 persoas que pasaron pola carpa do recinto portuario de Arcade

As inclemencias meteorolóxicas impediron que a trixésima edición da Festa da Ostra alcanzase a cifra máxica de 100.000 unidades despachadas. No entanto, o Concello de Soutomaior ve a botella medio chea e móstrase satisfeito cun evento que, a pesar do mal tempo, volveu consolidar o seu status de cita gastronómica de referencia de Galicia. Non en balde, ostenta desde 2002 a catalogación de Festa de Interese Turístico.

Segundo informaron o domingo fontes do Concello, pola carpa habilitada no recinto portuario de Arcade pasaron preto de 30.000 persoas, que tiveron ocasión de degustar o prezado molusco ao natural ou en escabeche. Ademais, tamén se ofrecían racións de empanada. O prezo das racións foi de seis euros, mentres que as botellas de albariño custaban 8 euros, por 4 do ribeiro.

A pesar de que a choiva e o frío deixáronse notar desde ben entrada a mañá, a actividade na carpa resultou frenética. Un dos momentos máis esperados produciuse ás 13.00 horas, cando o actor Federico Pérez, Josito, leu un pregón escrito en clave humorística que foi recibido con risas e aplausos por parte do numeroso público. "O primeiro día Dívos creou A Terra; o segundo encheuna de auga; o terceiro pensou que en Galicia non había auga suficiente e creou máis; o cuarto deu vida ao home, á muller e a Gayoso; o quinto creou Luar; o sexto a ostra e, para rematar, cando viu que todo lle gustaba, descansou. Pero se aburría e creou a repetición de Luar", relatou o artista. Ademais, a Banda de Música Cultural e a Agrupación Artística de Arcade tamén se converteron en protagonistas, grazas aos pasacalles matutino.

APERTURA DE CASETAS. Os postos nos que se preparaba a ostra, en cuxa posta a punto traballaron un gran número de persoas, abriron as súas portas ás 11.00 horas e traballaron a bo ritmo durante boa parte da xornada. Así, as sensacións foron igual de notables que durante a xornada inaugural da festa, na que unhas 6.000 persoas animáronse a degustar as diferentes especialidades ofertadas. Ademais, o sábado tamén tivo lugar unha verbena nocturna e a tradicional tirada de fogos de artificio.

O Concello e os mariscadores locais acordaron aproveitar as cunchas vendidas durante a festa para a súa utilización en bancos da ría como base para a plantación de nova semente.

Máis en Gastronomía
Comentarios