Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Lacón con grelos baixo a choiva en Cuntis

La carpa situada en O Espadenal, en Cuntis, fue el escenario de la celebración del Entroido
La carpa situada en O Espadenal, en Cuntis, fue el escenario de la celebración del Entroido
Miles de visitantes desafiaron o temporal para saborear, na carpa e nos restaurantes, un contundente prato que figura entre os estandartes da cociña tradicional galega

Chourizos, cacheira, garavanzos e patacas son os ingredientes que acompañan ao lacón e os grelos nun prato que está considerado un dos estandartes da cociña tradicional galega. É unha condición fundamental que todos os ingredientes sexan de primeira calidade, pero igual de necesario é usar o unto para darlle o seu aroma e armarse de paciencia e non apurar o lume para preparalo.

Cuntis celebra este domingo a XIX Festa do Lacón con Grelos, que para os cociñeiros que se encargan de preparar as 1.600 racións que se serven na carpa xa comezou onte porque o lacón tivo que permanecer durante varias horas na auga para quitarlle o sal. Nin as patas dianteiras do porco teñen nada que envexarlle ás traseiras nin este prato é un irmán menor do cocido, sosteñen acreditados especialistas en gastronomía.

A xornada estivo precedida polo desfile do Entroido, celebrado este sábado, que foi reconvertido nunha concentración dos participantes neste evento na carpa situada no Espadenal, porque non deixou de chover durante boa parte da tarde. Tampouco foron favorables as condicións meteorolóxicas para os inscritos na quinta ruta de bicicleta de montaña.

O Goberno local elaborou un amplo e variado programa, dando cabida no mesmo a unha ampla oferta cultural protagonizada por veciños da localidade, para mostrar a súa creatividade aos visitantes que acoden á localidade aproveitando o tirón que ten o festexo culinario, ademais de divulgar a súa historia a través de fotografías e pezas de cerámica de Castrolandín.

A Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional abriu o programa. Do pregón encargouse Aldaolado e despois foron entregados os premios aos agraciados no sorteo de Tapalacón. Antes de que comezase o multitudinario banquete actuou a orquestra de acordeóns Arousa Bay, de Vilagarcía, e o Folión e Boteiros de Vilariño de Conso (Ourense), realizou unha mostra de Entroido tradicional.

Unha vez saboreado o contundente prato de lacón con grelos, actuou o grupo Odaiko, acompañado pola Banda Infantil da Escola Municipal. A xornada acabou entre bágoas, cando chegou a hora de velar ao Chapante e enterralo, pondo fin ao Entroido.

Lacón con grelos baixo a choiva en Cuntis
Comentarios