Marín volve presumir do seu pan tradicional

Éxito de asistencia á décima terceira edición da Festa do Bolo do Pote, que tivo que trasladarse ao Multiusos debido ás inclemencias meteorolóxicas

Pan elaborado ao mesmo tempo que o cocido, un anaco de chourizo, orella de porco e un bo caldo quente. Con esta simple receita, a Asociación Cultural Fentos e Frouma leva máis dunha década deleitando aos veciños de Marín durante o frío inverno.

A décima terceira edición da Festa do Bolo do Pote non defraudou. Aínda que non puido celebrarse na Alameda, tal e como estaba previsto nun principio, a cita congregou a numerosos comensais no Multiusos situado nas inmediacións do Mercado de Abastos.

O evento rende homenaxe a unha das especialidades culinarias máis ‘enxebres’ da cociña galega. O bolo do pote, elaborado con fariña de millo e centeo, cócese durante a preparación do caldo. A súa preparación durante a xornada deste domingo correu a cargo de varios membros do colectivo cultural marinense, que despacharon un gran número de racións desde mediodía.

En realidade, o seu traballo comezou moito antes de que se abrisen os postos de degustación. E é que a súa elaboración, aínda que pareza sinxela a primeira ollada, require dunha preparación previa que leva varias horas. De feito, os voluntarios puxéronse ao choio a última hora da tarde do pasado sábado.

Unha das particularidades desta festa gastronómica é que a repartición das racións é totalmente gratuíto. A organización despachou ao redor dunhas 2.000 unidades aproximadamente. O gusto pola cociña tradicional dos marinenses puido máis que as baixas temperaturas e a choiva persistente.

Máis en Gastronomía
Comentarios