Xeve celebra con paella, música e sendeirismo a súa II Festa da Natureza

Ao redor de 115 veciños sumáronse ás actividades organizadas pola asociación SondeXeve para promocionar os recursos da parroquia. O colectivo xa pensa nunha terceira edición
Los participantes en la caminata posaron para una foto de familia junto a la Fervenza de Seoane
photo_camera Los participantes en la caminata posaron para una foto de familia junto a la Fervenza de Seoane

Para comezar o día, unha camiñada lonxe do ruído e as aglomeracións da cidade e, para recuperar forzas, unha boa paella e un concerto. Ese foi o plan dominical que propuxo este domingo a Asociación Cultural SondeXeve con motivo da celebración da segunda Festa da Natureza. Ademais de reunir aos veciños, o obxectivo principal do evento foi pór en valor a parroquia e, sobre todo, os seus recursos naturais e paisaxísticos.

Así o explicou o presidente do colectivo, Manuel Hermida Rivas, quen sinalou que, en moitas ocasións, os pontevedreses "descoñecen a existencia de lugares tan fermosos e tan próximos". Algúns deses enclaves son os que visitaron esl domingo nunha camiñada que comezou ás dez e media da mañá e incluíu un percorrido pola zona do Acibal.

"Fomos ata o Marco da Estada, que é o vértice que separa os concellos de Barro, Moraña, Campo Lameiro e Pontevedra, e despois chegamos ata o alto do monte da Caseta, desde onde hai unha vista panorámica espectacular", indicou.

O punto forte da camiñada foi unha visita á Fervenza de Seoane, tras un percorrido duns catro quilómetros.

"Esta está entre os lindes de Santa María e Santo André e a xente do lugar tamén a coñece como A Freixa. Formar alí unha poza na que se bañaban os rapaces e que recolle a auga do río Fontáns. Xosé Álvarez, que é un sabio desta zona, díxonos que en tempos houbo por alí un convento de frades. É un sitio realmente fermoso, pero que moita xente non coñece porque permanece bastante oculto, on monte. Agora cortaron os eucaliptos e a fervenza quedou á vista e por iso pensamos que tiñamos que facer algunha actividade para promocionala. Ese foi o motivo de organizar esta camiñata", precisou o portavoz de SondeXeve.

A convocatoria da asociación foi todo un éxito, pois a pesar dos chuvascos que caeron ao longo da xornada e de que Meteogalicia anunciara para o domingo alerta laranxa por temporal, finalmente sumáronse á camiñada ao redor dunha vintena de participantes, entre eles o concelleiro Demetrio Gómez.

Con todo, foron moitos máis os que optaron por saltarse o paseo pedestre e acudir directamente á comida popular que tivo lugar a continuación no centro cultural de Santa María de Xeve. Alí prepararon unha gran paella coa que se puxeron as botas máis de cen comensais, segundo explicou Manuel Hermida.

"Tiñamos previsión de que viñera un cento de persoas, pero ao final tivemos que ampliar un pouco o recinto, porque entre todos sumamos uns 115. O prezo para os socios era de dez euros para os adultos e cinco euros para os nenos e os non socios tiveron que pagar trece euros", precisou.

ARTISTAS LOCAIS. Ademais da excursión e do apartado gastronómico, a Festa da Natureza tamén incluíu unha exposición a cargo de artistas locais. Esta desenvolveuse no pequeno museo que alberga o centro cultural, onde se expuxeron obras de pintura, escultura e artesanía, así como creacións literarias.

A xornada completouse cunha actuación musical a cargo do dúo Fírveda, formado pola violinista Mariña Hermida e a acordeonista Nerea Rodríguez. A primeira, natural de Xeve, foi galardoada co Premio Extraordinario nos Ensinos Artísticos de Música, e a segunda, de Lérez, tamén recibiu recoñecementos pola súa mestría co acordeón e recentemente actuou en Ucraína, no marco do Festival Internacional de Acordeón de Kiev.

Visto o éxito da convoctoria deste domingo, SondeXeve está a pensar xa na próxima edición da Festa da Natureza. Tal e como sinalou o seu presidente, a súa intención é organizar unha comida campestre na propia contorna da Fervenza de Seoane.

"Queremos facela esta mesma primavera, pero máis adiante, cando o tempo estea máis seco, porque por agora o terreo aínda está empozado pola chuvia", dixo. "Xeve ten moita natureza e queremos potenciala, descubrila para a xente e promocionar esta parroquia que ten tanto que ofrecer".

Máis en Gastronomía
Comentarios