Álvaro Malvar: "Cando firmei con ‘Smash The House’ non acababa de crermo"

Álvaro Malvar logra acadar unha das súas metas dentro da profesión, tras ser fichado por unha discográfica internacional
Álvaro Malvar
photo_camera Álvaro Malvar. DP

Álvaro Malvar, veciño de Ponte Caldelas, dende moi pequeno sente atracción polo mundo da música e da radio. Foi en 2012 cando se propuxo a viabilidade que podía ter adicarse a esta profesión e, tres anos despois, emprendeu os seus primeiros pasos actuando en verbenas das aldeas da contorna do municipio.

Unha vez finalizados os estudos de Bacharelato, trasladouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Comunicación, Imaxe e Son, unha formación que o instruiu, en boa medida, para a súa actual profesión. Ademais, esta preparación permitiulle traballar noutra das súas inclinacións dentro do mundo laboral, concretamente na radio. En efecto, traballou en emisoras galegas como Via Radio e Party FM e, residindo na capital, estivo en Unika FM e asumiu encargos para o grupo PRISA. Igualmente, durante a súa estancia na capital española, concretamente en 2016, impartiu clases de DJ. "Gústame ensinar á xente o que sei e que eles, tras coñecer o material, se pelexen consigo mesmos", expón o DJ galego.

Os inicios nunca son doados, e Álvaro Malvar fai fincapé na importancia que ten a paciencia e manifesta que "un vai querer facer moitas cousas e a adicación que vai esixir a profesión implicará deixar de lado moitos propósitos, pero todo o tempo investido será recollido. Non frustrarse cando a un o rexeitan e agora existe unha boa ferramenta como é Internet que pode servir de gran axuda". Actualmente, continúa formándose, ademais de como DJ, tamén no mundo da música.

Con tan só 26 anos de idade, Malvar xa conseguiu pinchar en salas e discotecas nacionais e incluso internacionais. Estivo como DJ invitado en locais de ocio nocturno moi coñecidos dentro de Madrid, como Kapital, Joy Eslava..., e tamén en discotecas como Bowie ou Paradiso, entre moitas outras. De igual modo, traspasou as fronteiras e chegou a pinchar en Italia nunha sala dentro do programa dun festival. Así mesmo, o ano pasado tamén tiña acordada unha ruta por diferentes países europeos tales como Croacia, Ámsterdam, Reino Unido..., pero a gravidade da situación pandémica imposibilitou que os actos finalmente se levasen a cabo.

"O satisfactorio para min sería que nalgún festival, ou que calquer outro DJ, reproduzca os meus temas"

"Comecei dende cero, foi un proceso moi duro no que tiven que deixar de lado á familia e aos amigos para poder levar a cabo proxectos", confesa o pontecaldelán sobre as trabas que supón exercer unha profesión como é a de DJ. O primeiro single que lanzou foi Bang Bang, en 2017, un ano no que afirma tamén terse inmiscuido "no mundo da produción", xa que o habitual nesta industria é exercer a profesión de DJ e produtor a partes iguais. Trátase dun tema que tivo 5.000 reproducións en Spotify e do que está bastante orgulloso. "Foi o meu primeiro fillo", declara entre sorrisos. Ademais, tamén formou parte de varias colaboracións con outras discográficas. É o caso do hit Kiss me now, do que foi partícipe este ano, en compañía de varios artistas internacionais como Flo Rida, Aloisi, Barletta, Caranza... e cunha fin solidaria na que os beneficios obtidos se destinan ás familias afectadas pola pandemia.

A recente fichaxe por parte da discográfica internacional Smash The House, liderada polos DJ’s Dimitri Vegas & Like Mike, supón a consecución dunha das principais metas dentro da súa carreira profesional. Tras dous anos intentándoo sen obter resultados, á terceira foi á vencida, conseguindo ser o primeiro galego en pasar a formar parte desta discográfica. Manifesta que a día de hoxe segue sen crelo e que o día que llo comunicaron "non collía en min".

Polo de pronto, quere seguir traballando na mesma liña porque non lle está indo tan mal xa que, como ben afirma, "Roma non se fixo nun día". Non obstante, tamén pon a vista noutras discográficas aínda que o que agora ansía é que a situación sanitaria mellore para que así poida volver a actuar en directo, actividade que non desenvolve dende outubro de 2019.

Comentarios