Deseño sarrián para os Janeiro

A artesá Eva Fernández asegura ser a autora do traxe de punto que loce nunha revista o bebé de Víctor Janeiro e Beatriz Trapote
Eva Fernández muestra la revista con el traje, hecho a mano, en su mercería de Sarria
photo_camera Eva Fernández muestra la revista con el traje, hecho a mano, en su mercería de Sarria

A veciña de Sarria Eva María Fernández Freitas empezou a tecer cando tiña só 8 anos e, co tempo, acabou por facer do seu hobby unha profesión. Agora este traballo acaba de verse recoñecido porque, segundo asegura, unha das súas creacións artesanais para bebé foi a parar, por circunstancias da vida, á casa do toureiro Víctor Janeiro e Beatriz Trapote, quen se converteron recentemente en pais dun neno.

Sostén Eva Fernández que a súa sorpresa foi maiúscula cando viu que o traxe que lucía o pequeno nunha reportaxe na revista Hola saíra da súa mercería Entrelanas. No entanto, sinala, antes de chegar ao seu destino tivo un amplo percorrido vía Madrid, xa que foi vendido a través dunha céntrica tenda da cidade para a cal a sarriá tece pezas desde hai tempo.

Segundo o seu relato, todo comezou uns sete anos atrás, cando ela e Carmen Díaz, unha veciña de Baralla asentada en Madrid, decidiron aproveitar a súa afección ao momento para confeccionar varios traxes de bebé e presentalos en tendas da capital con vistas á súa posible comercialización.

Iniciouse así, engade, unha colaboración con La Oca Loca, á cal envían cada ano "unha colección de inverno e outra de primavera-verán" que tecen elas mesmas e que se basea en deseños "que non se venden para outras tendas".

COLECCIÓNS. "No verán encargáronnos unha colección para a tempada de inverno formada por entre 12 e 14 conxuntos e, a principios de decembro, chamáronnos pedindo un deses conxuntos en gris e azul mariño", explica Eva Fernández.

Segundo conta, era un pedido urxente e ela e a súa amiga repartíronse o traballo para telo listo en Nadal. "Hai pouco a dependenta da tenda chamou á miña compañeira para dicirlle que mirase a revista Hola, porque o conxunto gris que leva o neno de Víctor Janeiro e Beatriz Trapote é o que tecemos nós", di.

A artesá afirma que esta mesma situación xa a viviu hai anos cun conxunto que luciu no seu momento o fillo de Paulina Rubio pero, do mesmo xeito que este caso, non pode probar a autoría porque a roupa comercialízase baixo outra marca. Por iso, a partir de agora exponse darlle un xiro ao seu negocio. "Queremos ir ampliando as coleccións e vender coa nosa propia marca. Estudiamos pór unha etiqueta da nosa artesanía para que o comprador teña unha referencia do produto e de onde vén", avanza Eva Fernández, quen tamén tece patucos desde Sarria para unha empresa de roupa infantil de Valencia.

Na súa mercería Entrelanas, aberta na rúa Diego Pazos en agosto de 2013, elabora a man roupa de bebé por encargo e tamén imparte cursos. Segundo declara, por mor de difundirse as fotos da familia Janeiro-Trapote -quen curiosamente visitaron Sarria no ano 2012 para presentar a corrida taurina de San Xoán- xa recibiu un novo pedido de catro conxuntos de bebé para un establecemento de Sevilla.

Comentarios