Hardwell, un dos mellores 'remixer' do mundo, deixa o escenario pola presión

Nun comunicado, o DJ e produtor explica que o seu traballo lle deixa "moi pouca enerxía, amor, creatividade e atención" para a súa vida e que ten "moito que compartir" coa súa familia e amigos

Hardwell. INSTAGRAM
photo_camera Hardwell. INSTAGRAM

O DJ e produtor holandés Hardwell, que con 30 anos é considerado un dos mellores 'remixer' do mundo, anunciou este venres que se retira dos escenarios "de forma temporal" para dedicarse á súa vida persoal e deixar de lado "toda a presión".

O DJ neerlandés explicou, nun comunicado, que o seu traballo lle deixa moi pouca enerxía, amor, creatividade e atención" para a súa vida "como persoa normal" e agregou que ten "moito que compartir" coa súa familia e amigos, así como "moitos camiños" que lle gustaría explorar.

"É por iso que decidín limpar a miña axenda indefinidamente para estar completamente liberado dos obxectivos, as entrevistas, os prazos, as datas de lanzamento, etc. Sempre lidei con toda a presión, demasiado, como unha montaña rusa que nunca se detén", subliñou nunha nota que compartiu na súa conta oficial de Facebook.

O DJ, nacido na cidade holandesa de Breda e un dos mellores da música electrónica, fixo a última actuación da súa xira de verán este venres mesmo, en Eivissa (España), e retirarase dos escenarios o próximo 18 de outubro, logo de actuar no Amsterdam Dance Event, o único espectáculo que queda por agora na súa axenda.

Asegurou que quere "volver máis forte que nunca" porque sempre trata de dar "un 200%" de si mesmo e por iso necesita "tempo" para ser "a persoa detrás do artista", o mozo cuxo nomee real é Robbert van de Corput. 

Comentarios