Morre Kelly Preston, actriz de Jerry Maguire e muller de John Travolta, aos 57 anos

A actriz faleceu tras loitar durante dous anos contra un cancro de mama
kelly preston
photo_camera Kelly preston na 71 edición do Festival de Cannes. EFE/EPA/FRANCK ROBICHON

Kelly Preston, actriz coñecida polos seus papeis en películas tan populares como Os xemelgos golpean dúas veces ou Jerry Maguire, e esposa do tamén actor John Travolta, morreu aos 57 anos.

"Na mañá do 12 de xullo de 2020, Kelly Preston, querida esposa e nai, faleceu tras unha batalla de dous anos contra o cancro de peito", anunciou a familia nun comunicado no que piden "privacidade" para superar este momento.

O propio John Travolta, esposo de Preston, confirmou a través de redes sociais a morte da actriz tras perder "a súa batalla de dous anos contra o cancro de peito". "Ela librou unha loita valente co amor e o apoio de moitos. A miña familia e eu estaremos sempre moi agradecidos aos médicos e enfermeiras de todos os centros médicos que a axudaron, así como cos seus moitos amigos e seres queridos que estiveron ao seu lado. O amor e a vida de Kelly sempre serán recordados", afirma o actor.

No comunicado, ademais, Travolta anuncia que se retirará un tempo da actividade pública para dedicarse enteiramente á súa familia. "Tomareime un tempo para estar cos meus fillos que perderon á súa nai. Así que vos pido desculpas por adiantado se non tedes noticias nosas por un tempo, conclúe.

Con máis de setenta traballos ás súas costas como actriz, Kelly Preston debutou con pequenos papeis en series como Hawai 5-0, Capitolio ou The Renegades. O seu salto ao cine o deuno en 1983, en Ao fío da medianoite, unha cinta protagonizada por Charles Bronson.

Comentarios