Úrsula Corberó, un ascenso á fama "un pouquiño difícil de xestionar"

A actriz que interpretou a Tokio en 'La casa de papel' causou unha revolución a nivel mundial

Úrsula Corberó. EFE
photo_camera Úrsula Corberó. EFE

La casa de papel, cuxa terceira tempada se estrea o venres, serviu de lanzadeira mundial para os seus protagonistas, pero no caso de Úrsula Corberó pódese falar dunha verdadeira revolución, grazas aos seus máis de sete millóns de seguidores en Instagram, a segunda española por detrás de Georgina Rodríguez, a parella de Cristiano Ronaldo.

"Foi un pouquiño difícil de xestionar", admitiu a actriz acerca da súa meteórica ascensión, sen dúbida facilitada polas características do servizo global que ofrece Netflix, a compañía que se fixo cargo da serie tras o seu lanzamento orixinal en Antena 3.

En abril de 2018, Netflix anunciaba que La casa de papel, tras facerse cos seus dereitos de distribución, converteuse na serie en fala non inglesa máis vista na historia da plataforma estadounidense e que produciría unha terceira tempada —xa están en plena rodaxe da cuarta— para os máis de 150 millóns de clientes que posúe en todo o mundo.

"É algo novo que está a pasar froito das novas plataformas e ten algo buenísimo: podes conseguir visibilidade a través do teu traballo", reflexiona a española, que interpreta na ficción a Tokio, a líder dun grupo de atracadores. "Pode chegar a unha chea de xente e cruzar fronteiras en todo o mundo. Iso é precioso", agregou.

Pero esa realidade non foi sinxela de manexar a nivel psicolóxico. "O éxito chega de súpeto. Non tomas a decisión como antes, aquilo de ir a EE UU, buscar unha axencia, facer probas e ter acceso. Neste caso, chegounos todo repentinamente", apuntou a catalá, de 29 anos, que nunca antes se involucrou nunha produción tan recoñecida internacionalmente.

A serie Física o química (2008) xa a preparou para afrontar a fama, pero o que xerou La casa de papel é algo completamente diferente, afastado da repercusión que puido ter o seu paso por formatos como Gran Reserva, Isabel ou La embajada.

"É verdade que levo moito tempo traballando en España e estou afeita a que a xente me coñeza e me pare pola rúa", recoñeceu Corberó. "Pero isto -agregou- foi un cambio moi grande".

As películas ¿Quién mató a Bambi?" "Perdiendo el norte y Cómo sobrevivir a una despedida cimentaron o seu status en España, aínda que nada lle serviu para saber exactamente como desenvolverse ao comprobar que se converteu nun rostro coñecido -e desexado- no medio mundo.

"Ao principio te sentes un pouco desprotexida de súpeto -recoñeceu-. Sobre todo, había algo de medo ao descoñecido".

Comentarios