Xuízo para aclarar se José María Íñigo morreu tras inhalar amianto en TVE

O presentador faleceu en 2018 como consecuencia de padecer un mesotelioma pleural
José María Íñigo. EFE
photo_camera José María Íñigo. EFE

Un xulgado madrileño celebrará mañá xoves a vista na que a familia do presentador José María Íñigo tratará de demostrar que o cancro que acabou coa vida do xornalista debeuse a unha enfermidade profesional ao inhalar durante anos o amianto que recubría os estudos de TVE de Prado del Rey.

O Xulgado do Social número 2 de Madrid celebrará o xuízo ao que deu lugar o proceso que iniciou o propio José María Íñigo antes de falecer en 2018 como consecuencia dun mesotelioma pleural –un tumor moi pouco frecuente que se asocia á intoxicación por amianto– e que a súa familia continuou, confirmaron a Efe fontes xurídicas.

Trátase da primeira parte do proceso, no que a familia do presentador quere que a Seguridade Social recoñeza que faleceu debido a unha enfermidade profesional.

Se consegue isto interporá demanda contra Radio Televisión Española, xa que José María Íñigo traballou moitos anos nos estudos de Prado del Rey que a partir de 2011 comezou a rehabilitar ou a demoler TVE ao constatar a existencia de amianto.

Comisións Obreiras destacou este mércores o caso de José María Íñigo e asegurou que ten coñecemento de dous casos máis, anteriores, de traballadores de TVE nos que a xustiza recoñeceu enfermidade profesional pola mesma causa. Un deles xa faleceu.

O sindicato subliña que "estes feitos coinciden, nestes momentos, coa xubilación anticipada de moitos traballadores e traballadoras de RTVE, a maioría deles cun mínimo de 30 anos de traballo nas instalacións da Corporación".

CC OO recorda que leva anos denunciando entre os traballadores e nos xulgados "as irregularidades que se viñeron producindo en RTVE respecto dun tema tan serio e tan perigoso como é amianto, así como nos sucesivos intentos de desamiantado das súas instalacións".

Destaca tamén que o sindicato conseguiu que a empresa vixiase a saúde dos traballadores que desempeñaron gran parte da súa traxectoria nos estudos de gravación con presenza acreditada de amianto (os estudos 1, 2, 3, 10 e 11), xa que o período de latencia ou incubación da asbestosis é duns 20 anos.

Por iso fan un chamamento a todos os traballadores que se xubilen e aos que sigan en activo para que non descoiden as revisións médicas e estean atentos a calquera síntoma relacionado con esta grave enfermidade pulmonar. 

Comentarios