A Asociación en Defensa das Costas do Parque Rosalía de Castro urxe a "demolición" do Garañón

Considera que ao promotor non lle corresponde a compensación que demanda porque "houbo unha orde de paralización de Cultura antes de que se fixese nada que non se cumpriu"
Las paralizadas torres de O Garañón
photo_camera Las paralizadas torres de O Garañón

O presidente da Asociación en Defensa das Costas do Parque Rosalía de Castro, Marcos Bourio, urxiu este xoves a "demolición" das torres do Garañón. Deste xeito aprema á derriba despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considerase no seu fallo como "contraria a dereito" esa unidade urbanística, tras validar na mesma sentencia o resto do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lugo que fora recorrido por esa asociación.

"O Garañón xa está máis morto que vivo, xa estaba hai tempo morto, o que pasa é que isto é a puntilla e non ten para onde ir. Agora o que hai que facer é iniciar os traballos, o máis pronto posible, para a súa demolición e retornar o terreo ao seu estado inicial", considerou.

En canto a unha posible indemnización ao promotor, Marcos Bourio sinalou que o que pide "non" é a compensación que lle corresponde, porque houbo unha orde de paralización de Cultura antes de que se fixese nada, que non se cumpriu". "E cremos que non ten dereito a reclamar desde que mandou parar Cultura para adiante", apostilou.

Ademais, incidiu en que o "convenio", que se subscribiu entre goberno local e promotor para levantar as torres, "o Tribunal Superior de Xustiza déixao moi tocado". "O convenio obriga a indemnizar no caso de que non se constrúa ao promotor e obriga ao promotor a cumprir a legalidade á hora de construír", puntualizou. Así, deduciu Bourio que contén "moitas irregularidades". "Hai prazos que non se cumpriron e parcelas que non se integraron a tempo, ou erros de cálculo á hora de integrar o Peri".

Nesa liña, o presidente da asociación desvelou que "había unha reclamación patrimonial" de máis de 20 millóns de euros polo promotor, que estima "tremendamente esaxerada e absurda tal e como están as cousas". "Igual non hai que pagarlle nin un duro porque contraveu a lei en todo momento á hora de edificar", concluíu.

Comentarios