Feiraco, Melisanto e Irmandiños formalizan a constitución de Clun

Cada unha das sociedades participantes achegará a totalidade dos seus negocios, é dicir, activos e persoal, á nova cooperativa
José Ángel Blanco Purriños, presidente de Clun; Pablo Costoyas, secretario; y José Montes, vicepresidente
photo_camera José Ángel Blanco Purriños, presidente de Clun; Pablo Costoyas, secretario; y José Montes, vicepresidente

As cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto asinaron este venres a acta da asemblea constituínte e a escritura de constitución de Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), de modo que cumpriron os prazos establecidos e a cooperativa de segundo grao "entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2017". O presidente dos Irmandiños —con sede no municipio lucense de Ribadeo—, José Ángel Blanco, será o presidente de Clun, mentres que o de Feiraco, José Montes, exercerá como vicepresidente, e Pablo Costoya, de Melisanto, será o secretario.

As cooperativas que formalizaron o acordo de integración dedícanse principalmente á fabricación de pensos e ofrecen servizos como tenda agrícola, recollida, envasado e distribución de leite e doutros derivados lácteos. A cooperativa de segundo grao, que terá uns 3.600 socios e xestionará o 15% do mercado lácteo galego, arrinca "con tres grandes obxectivos estratéxicos", segundo os seus promotores, que son a integración dos servizos técnico financeiros; alcanzar unha maior eficiencia nos custos de produción; e optimizar as subministracións e agregar volume de produción para mellorar a cadea de valor e contribuír ao seu estructuración.

Unha cuarta sociedade, Xallas, que estivo presente no xerme do proxecto, acabou por descolgarse por decisión dos seus asociados



Ademais, o novo grupo cooperativo "ten vocación de ser referencia no sector agrogandeiro, ao gañar tamaño e eficiencia a curto prazo, e así converterse nun grupo líder na economía agrogandeira galega". Os socios destas tres cooperativas deron luz verde a este proxecto en asemblea, mentres que unha cuarta sociedade, Xallas, que tamén estivo presente no xerme do proxecto, acabou por descolgarse por decisión dos seus asociados.

Cada unha das cooperativas participantes "procederá a achegar a totalidade dos seus negocios —activos e persoal— á nova cooperativa", que a partir da integración pasará a "realizar todas as actividades fronte a terceiros". O novo grupo contará con participacións "significativas" nas sociedades Feiraco Pensos S.L, Feiraco Lácteos S.L, Clesa-Acolat, Ucoga Asesores, Delagro S.C e Artesáns Gandeiros.

Comentarios