Gerard López inviste na maior reserva de gas do mundo, en Rusia

A compañía do empresario de orixe lucense adquire o 50% dunha sociedade sueca e xestionará os próximos cinco anos proxectos por 10.650 millóns
El empresario Gerard López
photo_camera El empresario Gerard López

A compañía enerxética Nekton Group, presidida polo empresario de orixe lucense Gerard López, adquiriu unha participación do 50% en Rise Capital, empresa sueca de capital privado que xestiona os investimentos de infraestruturas na península de Yamal (Rusia), a maior reserva de gas do mundo.

Segundo informou a compañía e recolle Europa Press, nos próximos anos Nekton Group xestionará grandes investimentos na zona xunto con Rise Capital nunha ampla gama de proxectos de negocios dentro da Federación de Rusia, cun enfoque especial en infraestruturas e construcións en todo o espectro do sector da enerxía. Os proxectos superan os 12.000 millóns de dólares (uns 10.650 millóns de euros) para os próximos cinco anos.

No acto de firma da compra de Rise Capital, López destacou que Rusia é unha das rexións estratéxicas desde unha perspectiva de desenvolvemento de negocio de Nekton, que dentro do acordo achegará a súa experiencia, capacidades e rede de apoio integral para o financiamento de grandes proxectos.

"Estamos entusiasmados pola oportunidade que se nos brinda de ofrecer a nosa ampla rede global de contactos e así atraer socios para o financiamento dos proxectos de investimento de Rise Capital en Rusia, particularmente nos campos da construción de infraestrutura industrial e de transporte para os grandes proxectos de enerxía", indicou o empresario español, socio fundador do grupo Genii, propietario da escuadra Lotus F1 Team.

López, nacido en Luxemburgo de familia de Riotorto, optou hai uns meses a adquirir as accións do CD Lugo, proxecto que se frustrou ao gañar o proceso o empresario lucense Tino Saqués. Despois do chasco, López anunciou que non investiría en Lugo.

Rise Capital na actualidade dedícase á realización de varios proxectos a gran escala en varias rexións de Rusia cun valor de investimento total de máis de 2.000 millóns de dólares (uns 1.774 millóns de euros).

Segundo recorda Europa Press, Nekton Group é unha sociedade mercantil privada con enfoque en negocios dentro do sector enerxético coa súa sede operativa en Dubai. Tamén mantén relacións con numerosos fondos soberanos, fondos de pensións e investidores institucionais en todo o mundo e, particularmente, en América Latina, Asia Suroriental, Oriente Medio e Europa.

Comentarios