Balseiro toma a remuda de Arias na delegación da Xunta en Lugo

Substitúe a Raquel Arias, nomeada secretaria da Mesa do Parlamento ► Lete Lasa cesa como responsable de deportes
José Manuel Balseiro.
photo_camera José Manuel Balseiro.

O popular José Manuel Balseiro será o novo delegado da Xunta en Lugo en substitución de Raquel Arias. O seu nomeamento e o dos outros representantes territoriais da Administración autonómica foi anunciado polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, e o político de Cervo non tardou en responder a través da súa conta de Twitter: "Agradezo a confianza de @FeijooGalicia. Sigo a traballar con responsabilidade e ilusión pola nosa provincia os seus retos e oportunidades".



A súa designación pon fin á incógnita que xurdira tras o nomeamento de Arias como nova secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia tras anos no cargo. Precisamente, a que fora rival de Arias na pugna pola presidencia do PP de Lugo, Elena Candia, foi unha das primeiras en felicitar a Balseiro en Twitter: "De novo @feijooGalicia acerta ao nomear delegado da Xunta a un dos lucenses que mellor coñecen e + se ten volcado pola provincia. Parabéns". E pouco despois facíao tamén a propia Arias.

 

É a principal novidade da repartición das sedes territoriais anunciada polo xefe do Executivo galego, que en xeral opta polo continuísmo. Así, repiten Ignacio López Chaves en Vigo, José Manuel Cores Tourís en Pontevedra e Marisol Díaz en Ourense. Só hai novidades na sede da Coruña, xa que o posto recae no alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. Todos os delegados, salvo o rexedor, deixarán o acta de deputados autonómicos obtida o pasado 25 de setembro.


Ademais, cesa José Ramón Lete Lasa como secretario xeral para o Deporte, un cargo que depende orgánicamente do presidente e que ocupaba desde 2009. Núñez Feijóo agradeceu os servizos prestados e lamentou a "perda" desta persoa, que pasará a desempeñar outro destino, que non revelou, no que lle desexou sorte. Nos últimos días, tras o cesamento de Miguel Cardenal, especulouse coa posibilidade de que Lete Lasa sexa nomeado Secretario de Estado para o Deporte.

Por último, Feijóo detallou que Álvaro Pérez repite como xefe de gabinete de presidencia.

 

Comentarios