Lugo fai estudos de profundidade para crear unha zona de baño no Miño

Dos resultados desa batimetría dependerá a decisión respecto da localización da futura praia fluvial da cidade

O Concello de Lugo encargou un estudo de profundidade (batimetría) para determinar cales son as zonas da canle do Miño ao seu paso pola cidade aptas para situar unha zona pública de baño e o traballo desenvolvido ata agora polos especialistas permitiu identificar polo menos dous lugares válidos.

Dos resultados desa batimetría informou hoxe, na mesma beira do río Miño, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, quen defendeu a necesidade de facer este estudo previo antes de tomar calquera tipo de decisión con respecto á localización da futura praia fluvial da cidade.

De feito, o edil recordou que hai zonas na canle do Miño que levan moita auga durante os meses de inverno, pero que en determinados momentos do período de estiaje "pódense atravesar andando", de modo que non sería válidas para o fin perseguido.

Nalgúns lugares, a profundidade do río era tan escasa no verán que nin sequera permitía o paso da lancha na que ían os técnicos encargados do estudo.

De momento, como posibles localizacións foron identificadas unha zona na contorna do fluvial e outra no chamado Caneiro do Vilar.

Outras foron descartadas non por falta de profundidade, senón porque os accesos tampouco son adecuados e o impacto sobre o río, para adaptar os lugares ás necesidades dunha zona de baño pública, sería demasiado elevado.

A idea, dixo Piñeiro, é crear esa zona de baño co menor impacto posible, incluso coa colocación dunha plataforma flotante para facilitar o acceso dos bañistas á auga.

Comentarios