Aprobada a subida das sancións por malos tratos animais

O Parlamento galego aprobou hoxe unha modificación da lei de protección de animais pola que aumenta as sancións contra os malos tratos, que se sitúan entre os 500 euros, por non recoller excrementos, e os 30.000 euros no caso de faltas moi graves, como a morte.

A proposta lexislativa, presentada polo grupo AGE, e que entrou no Parlamento avalada por 118.000 firmas de cidadáns, foi aprobada cos votos a favor dos catro grupos maioritarios e coa abstención da única deputada do grupo mixto.

A deputada de AGE Eva Solla destacou que a norma aprobada hoxe, ademais das sancións incide nunha faceta preventiva, para evitar que se produza os malos tratos. Deste xeito, a Xunta terá que facer campañas, xunto coas asociacións protectoras de animais, para sensibilizar á poboación contra os malos tratos e evitar que se produza. O diñeiro recadado polas sancións será destinado a estas campañas.

O deputado do PP Santiago Freire destacou que se mellorou moito nos últimos anos, aínda que recoñeceu que aínda quedan aspectos por mellorar para erradicar esta secuela da sociedade galega.

Para iso, dixo, é necesaria a implicación de toda a sociedade, ademais das administracións, e as 118.000 firmas que solicitaron este cambio lexislativo avalan que algo xa cambiou.

A deputada socialista Patricia Vilán reclamou nunha emenda que a Xunta ofreza información sobre os casos de malos tratos e a súa compañeira no BNG Ana Pontón reivindicou que o Goberno galego faga un balance cada dous anos, peticións ambas as rexeitadas polo PP.

Pontón alertou que entre 2008 e 2013 os malos tratos a animais multiplicouse por 12 e lamentou a escaseza de orzamento da Xunta para tarefas de prevención.

Carmen Iglesias, do grupo mixto, única deputada da Cámara que non votou a favor, afirmou que non son as sancións económicas as que van provocar un cambio entre a convivencia das persoas e os animais e tachou de cínica "e hipócrita" que esta lei non afecte ás corridas de touros, "un espectáculo que se basea única e exclusivamente nos malos tratos a un animal".

Máis en Medio Ambiente
Comentarios