Os ecoloxistas consideran desproporcionado o xuízo contra Uralde

Tanto a organización Greenpeace España, da que foi director, como a Fundación Equo, da que é actual dirixente, consideran "desproporcionado" o xuízo que se celebrou en Copenhague contra Juan López de Uralde, aínda pendente de sentenza.

Uralde, que xa cumpriu 20 días de prisión preventiva, irrompeu en decembro de 2009 na cea de xefes de Estado do cume climático de Copenhague, á que asistía a raíña Margarita de Dinamarca. Segundo Equo, a de Uralde e os outros dez activistas de Greenpeace foi "unha protesta pacífica" para chamar a atención dos políticos sobre as consecuencias do cambio climático, "que cada día é máis grave".

O proceso celebrado en Conpenhague na súa contra por falsificación documental, suplantar a autoridade pública e violación de morada, foi "desproporcionado e inxusto", sinala Equo nunha nota de prensa, que valora "positivamente" que o fiscal non solicite penas de cárcere para ningún dos implicados.

Greenpeace resalta, á súa vez, que a fiscalía danesa agravou os cargos contra os seus membros ao engadir como cargo un delito contra a raíña, figura que non se empregaba no país desde 1934.

Os oito imputados estranxeiros no caso, que presumiblemente non volverán ao cárcere, enfrontan penas de prisión condicional de 60 días e multas de 3.000 coroas danesas (uns 400 euros), ademais da prohibición de volver a Dinamarca por 6 anos, a petición do fiscal.

Está previsto que o xuíz dite sentenza o vindeiro luns contra os activistas ecológistas e Uralde, máximo líder do grupo Equo, que se define como "un movemento baseado na ecoloxía, a equidade e a defensa dos Dereitos Humanos" e anunciou a súa participación nas eleccións xerais do próximo novembro en España.

Máis en Medio Ambiente
Comentarios