Achan a 34 nenos mortos nun campamento na zona afectada polo terremoto de Célebes

As autoridades indonesias elevaron a 1.234 a cifra de vítimas mortais causadas polo terremoto e o tsunami que o seguiu

 Escombros en Indonesia. HOTLI SIMANJUNTAK
photo_camera Cascallos en Indonesia. HOTLI SIMANJUNTAK

Os equipos de rescate de Indonesia recuperaron os cadáveres de 34 nenos sepultados polo barro na zona da illa de Célebes afectada o venres polo terremoto de magnitude 7,5 e o tsunami que causaron máis dun milleiro mortos, informou este martes a Cruz Vermella.

A portavoz da Cruz Vermella Indonesia, Aulia Arriani, engadiu que ademais hai polo menos 86 desaparecidos.

Os nenos, de entre 13 e 15 anos, foron sorprendidos por unha avalancha de barro mentres participaban nun campamento de estudo da Biblia na regencia de Sigi, unha zona montañosa situada ao sur de Palu, a capital provincial e onde se concentra a maioría de vítimas do desastre.

Os nenos, todos eles membros da mesma igrexa, atopábanse lonxe da montaña cando a zona foi sacudida polo sismo, pero foron engulidos pola lingua de terra que sepultou o campo uns quince minutos máis tarde.

As autoridades indonesias elevaron a 1.234 a cifra de vítimas mortais causadas polo terremoto e o tsunami que o seguiu. Espérase que o balance de mortos siga aumentando a medida que os equipos de rescate conseguen chegar ás zonas que estiveron inaccesibles desde que golpeou o terremoto o pasado venres.