Achan o cadáver do alcalde de Seúl horas logo da súa desaparición

Unha exsecretaria do rexedor Park, que tiña 64 anos, denunciouno por acoso sexual e o caso pechouse post mortem
Park Won-soon. EFE
photo_camera Park Won-soon. EFE

A Policía atopou este venres o cadáver do alcalde de Seúl, Park Won-soon, horas despois de que se informase da súa desaparición e de que medios locais desen conta dunha denuncia dunha exasistente por suposto acoso sexual que as autoridades non confirmaron oficialmente. 

O cadáver de Park, de 64 anos, foi achado no parque que hai en torno ao monte Bukak, no distrito de Jogno, ao norte da capital surcoreana. 

Uns minutos antes Park saíu da súa casa cun gorro, xersei e pantalóns negros e levando unha mochila, antes de tomar un taxi rumbo ao mencionado parque, segundo captaron imaxes obtidas de cámaras de seguridade próximas ao domicilio. 

Horas despois, a filla do alcalde, Park Da-in, denunciou ante a Policía a súa desaparición indicando que deixara unha mensaxe "que se asemella a un testamento" e que o seu teléfono móbil estaba apagado. Despregouse entón un enorme dispositivo de procura en torno á área onde Park foi visto por última vez. 

A denuncia activou todas as alarmas nun país que conta cunha das maiores taxas de suicidio entre os países da OCDE e onde os casos de políticos que se quitaron a vida ao verse afectados por un escándalo son numerosos, empezando polo do expresidente Roh Moo-hyun, falecido en 2009. 

Coincidindo coa procura, medios surcoreanos informaron de que unha exsecretaria de Park acudiu o mércores ás autoridades para denunciar un presunto caso de acoso sexual, pero tras o seu falecemento pechouse o caso de acordo coa lei surcoreana

Park é o único rexedor na historia de Seúl reelixido para un terceiro mandato consecutivo e considerábase un firme candidato para concorrer ás eleccións presidenciais previstas para 2022.