Polo menos 171 mortos nun ataque tribal ao sur de Sudán

Polo menos 171 persoas, a maioría delas mulleres e nenos, morreron este domingo no sur de Sudán e outras 26 resultaron feridas por un ataque tribal na vila de Mareng, segundo informaron este luns fontes oficiais sudanesas.

O deputado desa rexión Husein Marniut dixo en declaracións radiofónicas que o ataque foi perpetrado por mozos armados da tribo Murly en vinganza por unha acción anterior da tribo Nuer, á que acusaron de roubar unhas vacas.

As fontes dixeron que entre os mortos hai 100 mulleres e nenos, ademais de 60 homes e 11 militares do Exército Popular para a Liberación de Sudán (SPLA).

O sur de Sudán é unha rexión autónoma administrada polo SPLA desde os acordos de paz asinados o 9 de xaneiro do 2005.

Entre os feridos hai tres soldados do SPLA, que están a ser atendidos en hospitais da veciña poboación de Akobo. O lexislador agregou que moitos habitantes da comarca fuxiron das súas comunidades de orixe.

Comentarios