Asasinado o presidente de Guinea Bissau

O presidente de Guinea Bissau, Joao Bernardo Vieira, foi asasinado este luns por soldados leais ao xefe do Estado Maior do Exército, xeral Tagmé Na Wai, morto a noite do domingo nun atentado con explosivos, informou Radio Francia Internacional.

Vieira, foi asasinado cando intentaba abandonar precipitadamente a súa residencia, rodeada por soldados do Exército, sinalou a emisora.

Acusado da morte do xefe de Estado Maior

O responsable de relacións públicas das Forzas Armadas de Guinea Bissau, Zamura Induta, confirmou a morte do presidente do país e acusoulle de ser un dos responsables do atentado que custou a vida ao xeneral Na Wai.

Na Wai denunciou o pasado xaneiro un atentado frustrado do que responsabilizou a membros da garda de Vieira, que dixo que abriron fogo ao paso do seu vehículo diante do Palacio Presidencial.

O 23 de novembro de 2008, un grupo de militares atacaron pola noite a residencia do presidente Vieira, onde resultaron mortas dúas persoas.

Forte dispositivo militar

Desde esta madrugada, un forte dispositivo militar rodeou a sede da Presidencia de Guinea Bissau, mentres que se rexistraban tiroteos na capital tras o atentado contra Na Wai, segundo emisoras rexionais de Radio.

Os tiroteos iniciáronse en distintos puntos de Bissau tras o atentado e proseguiron ata a madrugada, segundo estas fontes.

O atentado que causou a morte do xeneral Na Wai foi realizado cunha bomba colocada na sede do Estado Maior do Exército que tamén ocasionou cinco feridos, entre eles dous graves, á vez que derrubaba parte do edificio, informaron as mesmas fontes.

Comité de crise
Pola súa banda, o primeiro ministro, Carlos Gomes Junior, convocara para este luns unha reunión urxente do Goberno e anunciado a creación dun comité de crise para facer fronte á situación, tras o atentado do domingo e antes de coñecerse a morte do presidente Vieira.

Guinea Bissau é un dos países máis pobres do mundo e, desde que obtivo a independencia de Portugal en 1974, sufriu varios golpes de estado.

Nos últimos anos, Guinea Bissau converteuse en centro de paso do tráfico de cocaína de América do Sur a Europa e altos cargos do Goberno e xefes militares foron acusados de participar neste negocio ilegal.

Comentarios