O tsunami en Indonesia causa 373 mortos, 1.459 feridos e 128 desaparecidos

Os equipos de rescate traballan sen descanso entre os cascallos

Polo menos 373 persoas morreron, 128 permanecen desaparecidas e 1.459 resultaron feridas polo tsunami que golpeou o sábado o estreito de Sonda, entre as illas indonesias de Sumatra e Xava, informaron hoxe as autoridades.

As autoridades achacan o maremoto que chegou ás praias sen activar as alarmas ao esborralle de parte da illa onde se atopa o volcán Anak Krakatao, no citado estreito, por mor dunha forte erupción.

O dano en estradas e pontes dificultou o acceso aos servizos de emerxencia a varios puntos das provincias de Banten -en Xava- e Lampung -en Sumatra-, asegura nun comunicado a Axencia Nacional de Xestión de Desastres ( BNPB).

Máis de 5.660 persoas atópanse desprazadas, unha redución significativa sobre os 11.687 que había no boletín anterior, debido a que moitos regresaron aos seus fogares. Os equipos de salvamento continúan cos labores de procura co obxectivo de atopar posibles sobreviventes cascallos deixados polo tsunami.

A catástrofe tamén causou danos en 681 casas, 69 hoteis, máis de 400 barcos e decenas de vehículos. Nun coche arrastrado ata a praia de Carita, un grupo de salvamento logra sacar con vida a un neno de cinco anos tras máis de doce horas atrapado.

As autoridades solicitaron aos locais que permanezan afastados da praia ata o vindeiro mércores por se houbese un segundo maremoto.

Comentarios