A broma de Moscova: "Para solicitar intervención en eleccións pulse 3"

O Ministerio de Exteriores ruso respondeu con gran sentido de humor ás acusacións de que interveu nos comicios de EE UU ou en procesos como o Brexit

O Ministerio de Exteriores ruso demostrou un gran sentido do humor ao responder hoxe cunha broma, no Día do Peixe de Abril, ás acusacións de Occidente de que interveu nas eleccións de Estados Unidos ou en procesos como o Brexit.


Seguindo a tradición de moitos países que celebran o 1 de abril o día dos Santos Inocentes, a Cancillería rusa colgou este sábado na súa páxina de Facebook un vídeo co título "Contestador automático das misións diplomáticas rusas", e o comentario de que se trata dunha proba piloto.

O suposto contestador, que primeiro fala en ruso e despois en inglés, comeza dicindo: "Vostede chamou á Embaixada de Rusia. A súa chamada é moi importante para nós". E continúa: "Para xestionar unha chamada dun diplomático ruso a un opoñente político pulse 1. Para utilizar os servizos de 'hackers' rusos pulse 2. Para solicitar intervención en eleccións pulse 3 e espere ata a próxima campaña electoral".

A mensaxe termina dicindo que "todas as chamadas serán gravadas para mellorar o servizo e con fins de adestramento".

O vídeo foi reproducido en poucas horas por máis de 50.000 persoas, e outras tantas logo de ser compartido na mesma rede social pola portavoz do Ministerio de Exteriores ruso, María Zajárova.

Esta publicou posteriormente outro post, no que sinalou que o correspondente dunha axencia internacional chamara ao Departamento de Información do Ministerio pedindo "unha confirmación oficial de que o vídeo do contestador automático é unha broma".

Comentarios