Detidos en Kenia dez carniceiros por envolver carne en papel de xornal

Os arrestados incumpriron o prazo de catorce días imposto para deixar de utilizar este material como envoltorio

O Departamento de Saúde Pública do Condado de Homa Bay (oeste) detivo nunha redada, en colaboración coa Policía, aos carniceiros por supostamente usar papel de xornal para envolver os seus produtos, segundo o diario local The Standard.

O responsable de saúde do condado, Richard Muga, explicou este xoves que os comerciantes, que deberán comparecer ante un tribunal, foron arrestados por incumprir o prazo de catorce días imposto para deixar de utilizar xornais como envoltorio.

"Os xornais publícanse usando tinta que contén chumbo e outros metais pesados cuxo consumo pode matar aos seres humanos", argumentou Muga ao subliñar a prohibición dese uso no condado para garantir un consumo seguro de alimentos "frescos".

No canto da portada dun rotativo, o funcionario instou os carniceiros a cubrir a carne con papel liso de cor branca ou marrón, xa que non contén "os metais perigosos empregados para facer tinta".

As detencións trouxeron á memoria as palabras pronunciadas en 2015 polo presidente de Kenia, Uhuru Kenyatta, quen, nun aparente ataque contra a prensa, asegurou que os xornais do país africano só valían para "envolver carne".