Djokovic compra o 80% dunha firma danesa que desenvolve un tratamento contra o covid

O plan é que o tratamento sexa sometido a probas clínicas o próximo verán
Novak Djokovic. EUROPA PRESS
photo_camera Novak Djokovic. EUROPA PRESS

O tenista serbio Novak Djokovic é propietario do 80% da firma danesa QuantBioRes, que desenvolve un tratamento contra o covid-19, segundo informou este mércores a compañía.

O director da firma, Ivan Loncarevic, revelou á edición dixital do diario BT que a empresa está rexistrada oficialmente desde xuño de 2020 e que o seu plan é fabricar un medicamento contra o coronavirus, pero non unha vacina. "Estamos preparados para deseñar un tratamento que poida bloquear o mecanismo de infección entre o coronavirus e as nosas células", dixo Loncarevic a BT.

O plan é que o tratamento sexa sometido a probas clínicas en Londres o próximo verán para logo ser aprobado polas autoridades sanitarias correspondentes.

De acordo con Loncarevic, foi a través dos seus contactos como conseguiu atraer varios investidores, entre eles a Djokovic e a súa esposa, Jelena. "Cando empecei a traballar con isto, definín o proxecto, fixen un plan de negocios, expliquei quen ía participar, o que custaba e fixen un documento oficial que enviei a distintas persoas que pensei podían estar interesadas", explicou.

Djokovic foi deportado de Australia o pasado domingo, despois de que un tribunal dese país autorizase a cancelación do seu visado, nunha segunda ocasión, por non estar vacinado. Deste xeito, o número un mundial non poderá defender o seu título no Aberto de Australia.

Comentarios