Ata 40 lategazos por levar pantalóns

Un grupo de mulleres sudanesas foi condenado na capital de Sudán, Jartúm, a penas de ata 40 lategazos por levar pantalóns, segundo informou á cadea BBC Lubna Ahmed ao Husein, reporteira sudanesa e unha das mulleres arrestadas.

Husein denuncia ser detida xunto a outras 12 mulleres, cando un grupo de 20 policías entrou nun céntrico restaurante de Jartúm onde se atopaban. Varias entre as detidas declaráronse culpables e recibiron así dez lategazos.

Husein, en cambio, negouse a admitir a súa culpabilidade, esixiu falar cun avogado, e enfróntase agora a ata 40 lategazos, a pena ordinaria por vestirse de xeito ''indecente'' segundo a interpretación da sharia vixente en Jartúm.

Baixo a lei sharia
Varias das detidas proceden do sur do país, maioritariamente animista e cristián, onde non atopa aplicación a lei islámica. En teoría, os cidadáns sudaneses non musulmáns non están sometidos á sharia en todo o territorio do país.

''Eu levaba uns pantalóns e unha blusa, do mesmo xeito que as outras mozas'', dixo á BBC Husein, que escribe unha columna semanal publicada en medios sudaneses e que traballa para Nacións Unidas no país africano.

Comentarios